
O accidente tivo lugar sobre as 3:30 horas desta madrugada na rúa Pardanela, no municipio pontevedrés de Baiona. O condutor tivo que ser excarcerado polos Bombeiros, mentres que o outro ocupante do vehículo, non estaba atrapado.
O 112 Galicia foi informado, polo sistema de aviso de emerxencia integrado no coche implicado, dun sinistro con dúas persoas afectadas, que nun primeiro momento non contestaban e parecían estar atrapadas. Momentos despois, un particular confirmaba o accidente e indicaba á central de Emerxencias de Galicia que era un dos ocupantes o que non podía abandonar o vehículo polos seus propios medios, e da necesidade de asistencia sanitaria urxente.
Tras ter constancia do accidente, o 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Porriño e aos de Vigo, ao GES de Val Miñor, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local de Baiona.
Foron os Bombeiros de Porriño e de Vigo, así coma o GES de Val Miñor, os encargados da excarceración do condutor do vehículo, que foi finalmente trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A continuación, solicitouse a intervención dos servizos de mantemento da estrada a fin de restablecer o tráfico coa maior celeridade.