O BNG reclama a convocatoria urxente da comisión especial para a municipalización da rede da auga de Vilaza

O BNG de Gondomar reclama do Alcalde a convocatoria urxente da comisión especial para a municipalización da rede da auga de Vilaza. A Portavoz nacionalista, Manuela Rodríguez, ponse de novo a disposición para colaborar na resolución do expediente, tal como xa fixera no pleno celebrado o 20 maio de 2021, en que se facultou ao rexedor para designar os integrantes desa comisión da que este excluíu a oposición.

A proposta de inicio de expediente de municipalización do servizo de abastecemento de auga á parroquia de Vilaza, que o Alcalde levou a ese pleno, recollía un resumo da normativa que establece que por seren servizos públicos de competencia da Administración municipal tanto a subministración como a vixilancia das augas, “a concorrencia de situacións anómalas ou excepcionais autoriza aos Concellos para adoptar as medidas que sexan precisas para garantir a prestación dos servizos”. Tamén facía referencia a que “é un dereito da veciñanza esixir a prestación e, no seu caso, o establecemento do correspondente servizo público no suposto de constituír unha competencia municipal propia de carácter obrigatorio”, e a que na noción de servizo público van incorporados os “principios de igualdade de acceso polas persoas usuarias e da xeneralidade na prestación, de modo que alí onde exista necesidade do servizo de abastecemento é o Concello quen deben intervir”. E segundo o propio documento, todo o anterior é de aplicación á veciñanza de Vilaza a partir da data en que a Asemblea Xeral da Comunidade de Augas de Vilaza decide darse de baixa como entidade (xuño de 2015), xa que ficaría sen entidade prestadora do servizo.

E a proposta da Alcaldía dicía textualmente “iso é precisamente o que se pretende a través da adopción do presente acordo, adoptar aquelas medidas que resulten necesarias para regularizar a prestación do servizo de abastecemento de auga na parroquia de Vilaza”. “E agora, quince meses despois, o Alcalde, mediante unha nota de prensa na que máis que solucións semella buscar culpables, quere trasladar novamente a responsabilidade á veciñanza”, lamentan desde o BNG.

Segundo recolle a lexislación vixente en materia de réxime local, o procedemento concreto para tramitar un expediente de municipalización require da aprobación inicial do Pleno. Previamente debe designarse unha comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico que deberá elaborar unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica derivada da prestación do servizo, determinando a forma de xestión, así como un proxecto de prezos do mesmo. Logo da aprobación, a memoria será exposta publicamente por un prazo mínimo de trinta días naturais, durante os cales poderán formular observacións tanto particulares como entidades. Por último, rematado ese prazo, o proxecto de municipalización deberá ser levado novamente a pleno para a aprobación definitiva.

No pleno de maio de 2021 acordouse iniciar o procedemento de municipalización do servizo de abastecemento de auga de Vilaza e autorizar ao Alcalde para designar ás persoas integrantes da Comisión especial redactora da memoria. Non foi até tres meses despois, o 19 de agosto, que o Alcalde resolveu nomear a comisión e convocala para o 3 de setembro dese mesmo ano. Na súa composición, ademais de dúas persoas en representación dos usuarios e do preceptivo persoal técnico dos servizos de Secretaría, Intervención e Urbanismo do Concello, participan o propio Alcalde, como presidente, a Concelleira de Urbanismo, Iria Lamas, como suplente, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, como vogal. Ningún membro máis da corporación, a pesar do ofrecemento feito durante o debate plenario. “O Alcalde excluíu a mantenta á oposición, a pesar de que eu mesma me ofrecín para botar unha man en todo o que puidera”, lembra a portavoz do BNG.

Esa comisión debería ter redactado, no prazo de dous meses, ampliable a outros dous, a devandita memoria. “A día de hoxe non consta no expediente ao que tivo acceso o BNG acta nin documento ningún correspondente a reunión ningunha, polo que descoñecemos se a houbo reunión ou non, e, de habela, cal foi o seu resultado”. Así pois, a piques de se cumprir un ano desde a súa constitución, “nin memoria, nin nada de nada. E aínda se sinte con autoridade o Alcalde para lle chamar a atención ao BNG e para nos tachar de electoralistas? Quen fixo aquí deixamento de funcións, Sr. Ferreira?”.

Desde a organización nacionalista instan ao Alcalde a que “deixe de perder o tempo arremetendo contra o Bloque nas redes sociais e faga o seu traballo: convocar, con carácter de urxencia, a comisión especial para a municipalización da rede de abastecemento de Vilaza, que xa leva demorado máis dun ano”. E ínstano tamén a que modifique a súa composición para facela realmente operativa. Polo que ao BNG respecta, lembran, “estaremos alí onde os intereses veciñais e colectivos nos precisen”.