
As principais marcas de cervexa artesá de toda España volven protagonizar desde este xoves 18 de agosto e ata o domingo 21 na Alameda de A Ramallosa (Nigrán) o Val Miñor Fest, o primeiro festival deste tipo de toda a comarca e que reunirá a cifra récord de 90 tipos de bebidas. A gran novidade desta sexta edición é a volta ao formato pre-pandemia con zona de xogos populares, concertos a diario, obradoiros, sesións beer-mú e food-trucks. O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ruta del Lúpulo coa colaboración do Concello de Nigrán e a cervexeira local Banda/Trisk-Ale, foi presentado esta mañá na Alameda.
“Este festival encaixou especialmente ben en Nigrán porque, aínda sendo de cervexa artesá, está pensado para que o poida gozar un público moi familiar, e ademais o municipio é xa un referente neste eido grazas a Trisk-Aale/Banda, coa fábrica en Porto do Molle”, destaca o alcalde, Juan González. Así, todas as noitiñas haberá concertos de grupos de música da comarca (The Liar Papers, El Pelotón de los Torpes, Los Mortymer, Theree Roosters, Los Pontiaks e Mala Herva) e para maridar coa cervexa estarán presentes nove foodtrucks con diferentes propostas culinarias. A maiores, durante os catro días haberá tamén unha zona de xogos tradicionais e obradoiros infantís.
“Este ano contamos con 90 tipos de cervexa diferentes e destaca a presenza por vez primeira de marcas de gran nivel da comunidade de Madrid e a presenza de cervexas IPA de estilo americano que agora mesmo teñen moito tirón”, explica Esteban Loureiro, portavoz da asociación e quen incide en que o obxectivo “é promover o consumo e o coñecemento deste produto artesán”. Así, nesta sexta edición, a marca local Banda/Trisk-Ale estreará a venda ao público da súa primeira Pilsen sen filtrar e tamén unha tipo radler (con limón) ademais de acudir con toda a súa variedade de producións, entre a que non faltará a cervexa “Nigrán, equilibrio natural” en botella e en barril.
As firmas de cervexa artesá que estarán presentes son Banda (Nigrán), Nos (Vigo), Tenta Brewing (Aranjuez), Bubela (Lugo), Dos Dingos (Madrid), The One (Sanxenxo), Bacterio (Madrid), Go (Madrid), Atlántica (Redondela), Áncora (Ourense) e Albufera (Vallecas). “Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para todos os gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explican. Como é habitual, degustaranse nun vaso de vidro especial conmemorativo desta sexta edición.
PROGRAMACIÓN:
XOVES 18 DE AGOSTO
19:00 Inauguración do Festival.
19:30 Apertura da zona de xogos populares.
21:00 Concerto do grupo THE LEAR PAPERS.
00:00 Peche do festival.
VENRES 19 DE AGOSTO
12:00 Apertura do festival.
12:00 Música ambiente toda a xornada.
12:30 Apertura da zona de xogos populares.
13:00 Sesión beer-mú.
19:00 Obradoiro infantil.
20:30 Concerto do grupo EL PELOTÓN DE LOS TORPES.
23:00 Concerto LOS MORTYMER.
01:00 Peche do festival.
SÁBADO 20 DE AGOSTO
12:00 Apertura do festival.
12:00 Música ambiente toda a xornada.
13:30 Sesión beer-mú.
12:30 Apertura da zona de xogos populares.
19:00 Obradoiro infantil de creación de chapas.
20:30 Concerto de THREE ROOSTERS.
22:30 Concerto LOS PONTIAKS.
01:00 Peche do festival.
DOMINGO 21 DE AGOSTO
12:30 Apertura do festival.
12:40 Apertura da zona de xogos populares.
13:30 Sesión beer-mú.
17:30 Obradoiro infantil de creación de malabares.
20:30 Concerto de MALA HERVA.
20 :30 Concurso á mellor etiqueta do festival.
20:35 Concurso á mellor cervexa do festival.
20:40 Concurso á mellor Foodtruck.
20:45 Entrega de premios cervexeiros.
23:00 Clausura do festival…