Nigrán acollerá a primeira edición do Festival temático e sostible “Cinema a Pedal”

“A túa enerxía alimenta o cinema; pedalea para que prenda o proxector” é o slogan do Cinema a Pedal, un festival que integra cinema, deporte e medio ambiente. A primeira edición do certame, auspiciada polo programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e apoiada polo Concello de Nigrán, celebrarase os días 9 e 10 de setembro no campo de fútbol de Monte Lourido, nas inmediacións de Praia América. A proposta do festival é gozar dunha selección de películas que teñen como tema principal o uso de bicicletas, no marco incomparable que supón o Camiño de Santiago. Con todo, non só se trata de ver cinema, hai que pedalear para velo! No espazo onde se dispoñerá a pantalla ao aire libre, instalarase unha plataforma de 15 bicicletas na que o público asistente poderá pedalear para xerar a enerxía necesaria que abastece o equipo de proxección.

O Festival Cinema a Pedal naceu en 2013 organizado pola Cinemateca Uruguaia en Montevideo e conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de utilizar enerxías renovables.

A incorporación deste innovador festival ao panorama cultural estatal débese á paixón polo cinema e polo ciclismo das súas organizadoras, a directora artística de Cinemateca Uruguaia, Alejandra Trelles; a xestora cultural e programadora Ana Gontad, e as creadoras de contido Patricia Menéndez e Tamara Alonso.

A programación cinematográfica estará distribuída en dúas funcións diarias que darán comezo ás 20.45 h. e ás 22.45 h. O venres exhibirase en primeiro lugar a animación francesa Dilili en París (Michel Ocelot, 2018), da que gozará tanto o público adulto como o máis novo da casa, e O horizonte (Delphine Lehericey, 2019), unha fermosa historia iniciática ambientada no rural suízo de 1976. Pola súa banda, o sábado ás 20.45 h. comezará Delfín (Gaspar Scheuer, 2019), a historia dun neno arxentino que se move en bicicleta para participar nas probas de acceso dunha orquestra infantil. Por último, a sesión do sábado ás 22.45 h. estará protagonizada polo filme xaponés Survival family (Shinobu Yaguchi, 2016), un enxeñoso exemplo de cinema apocalíptico familiar.

Á marxe das proxeccións, a programación do festival verase complementada con actividades para toda a familia, concertos, food trucks e postos de ecomercado onde repoñer forzas, sorteos e un punto de recollida de bicicletas usadas a favor de Recyling. Bicicletas solidarias, unha organización lalinense sen ánimo de lucro dedicada á recollida e restauración de bicis para que persoas con poucos recursos lles dean unha nova vida.

CONCURSO DE CURTAS

No marco do festival, convidarase a amantes do cinema, vídeo afeccionados e todas aquelas persoas que se atrevan a capturar imaxes co móbil ou unha pequena cámara e filmar unha curtametraxe de ata 10 minutos en calquera punto do Camiño de Santiago, coa consigna de “O camiño en bicicleta”.

A convocatoria permanecerá aberta entre o 1 e o 15 de setembro e os traballos serán valorados por un xurado profesional composto por María Santacreu, Aldara Pagán e Maren G. Zubeldia.

María Santacreu (Montevideo, 1967), é directora de Cinemateca Uruguaia e codirectora do Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai. Foi xurado do Festival de Cinema de Mar del Plata e doutros festivais internacionais. Desde 1996 dedícase, ademais, ao xornalismo cultural, escribindo en medios de Uruguai e Arxentina. Foi editora de cultura do Semanario Brecha e escribiu no País Cultural, La Diaria, Caras e Caretas.

Aldara Pagán (Ourense, 1997) é artista visual. Autora das obras “O que precede a caída é branco” (2018), “Alí sentíame eterna” (2020), “MARCAS” (2020), “Sen título”(2022), «Nese momento ou amor foi escuro e só puiden chorar» (en desenvolvemento), as cales pasaron por festivais como: (S8) Mostra de Cinema Periférico, CURTOCIRCUÍTO, ZINEBI, Cinespaña ou Márgenes, entre outros. A súa obra céntrase na autorrepresentación, o traballo co íntimo, o tramado do corpo e a performatividade nos extremos. Móvese entre o dixital e o celuloide. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Experta Universitaria en Xestión Cultural pola mesma universidade. Máster de Creación Audiovisual na Elías Querejeta Zine Eskola, en Tabakalera, Donostia – San Sebastián. Máster LAV Madrid, Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea. Redactora na revista de crítica cinematográfica “A Cuarta Parede”. Traballo de programación, comunicación e produción en festivais como OUFF, CINEUROPA, (S8) ou Curtocircuíto.

Maren G. Zubeldia (Donostia, 1995), formouse como estudante de Comunicación Audiovisual na Universidade do País Vasco. Focalizou os seus estudos en cinema na Universidade ORT de Uruguai, onde comezou a facer traballos de programación no Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai. Realizou traballos técnicos no Departamento de Cinema de Tabakalera e tamén traballa como programadora en Zinegoak Festival de Cinema e Artes Escénicas de Bilbao. Compaxina a programación con traballos de dirección en rodaxes; películas como Ventajas de viajar en tren (Aritz Moreno), American Carnage (Diego Hallivis) e Hil Kanpaiak (Imanol Rayo).

A información completa xunto ás bases está dispoñible na páxina web do festival.