O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a “neglixente xestión” levada a cabo pola corporación socialista de Nigrán en relación á execución de numerosos proxectos e obras anunciadas no municipio.
“Ao longo dos oito anos de goberno do actual alcalde Juan González, os veciños e veciñas do Concello viron en multitude de ocasións anuncios e promesas de numerosas obras e intervencións por parte do rexedor nos medios de comunicación. Na súa maior parte, estas finalmente non pasan de ser pura propaganda, como a anunciada reforma e posta en valor do Arco Visigótico de Panxón, que sacan do caixón en cada convocatoria electoral e da cal existe mesmo un vídeo con render do proxecto na plataforma Youtube. Con todo, algúns dos anuncios realizados finalmente chegan a fase de execución, o que sería motivo de celebración se a xestión posterior non fose un completo despropósito”, apunta a portavoz popular.
Pino lembra algúns exemplos que son especialmente sanguentos, como o complexo deportivo de Porto do Molle, anunciado nos medios de comunicación en outubro de 2018 e que encadeou atraso tras atraso para finalmente quedar abandonado tras a renuncia da empresa concesionaria, que viu como desde intervención municipal cortábanselle os fondos ante o enorme sobrecusto nas obras. “Actualmente, o conflito entre a empresa concesionaria e o Concello atópase sen resolver, con máis de 200.000 euros enterrados”.
Outra obra que tristemente foi noticia nos últimos días foi a reforma da Rúa Otero Pedrayo, que foi anunciada polo alcalde Juan González en 2021 para finalmente iniciar as obras en agosto de 2022, cun orzamento de 1,3 millóns de euros e 8 meses de prazo de execución. “Novamente, os atrasos na execución da obra sucedéronse, cunha frecuencia de traballo e de persoal presente paupérrima e co señor alcalde botando balóns fose e dando unha nova data de finalización das mesmas en cada pleno municipal”. Para máis inri, Pino lembra que a obra foi “inaugurada” no mes de xuño, “nun dos anuncios máis vergoñosos que se lembran neste Concello”. “Mentres, 14 meses despois, os veciños e veciñas da zona seguen soportando as molestias orixinadas por unha obra que empeza a ser interminable e sen visos de finalización”.
Desde o Grupo Municipal Popular esíxeselle aos responsables políticos da corporación socialista un maior celo á hora de supervisar a execución dos proxectos aprobados, facendo especial fincapé nos prazos e custos das mesmas, co fin de evitar situacións como as anteriormente expostas.

