Carlos Méixome presenta en Peitieiros o libro “O terror nas tebras e outras catas na memoria”

O Centro Cultural (CCV) de Peitieiros acollerá a presentación do libro “O terror nas tebras e outras catas na memoria”, do historiador Carlos Méixome, este xoves día 18 de agosto, ás 20:30 horas, no Adro de Peitieiros, dentro da IX Semana Cultural que precede o XXVIII Festival Folclórico Internacional.

O libro que Carlos Méixome presentará este xoves naceu da reelaboración de escritos de momentos de intensa actividade memorialista, un labor que non só non está esgotado, senón que é imprescindíbel para redimensionar a historia. O libro fala dun Val de Miñor sometido ao terror desatado en xullo de 1936 e repasa, a xeito de recordatorio, tres lustros de intervención memorialista, mentres estende a pescuda a territorios lindeiros, como o Tomiño baixomiñoto, o Mos da Louriña ou o campo de concentración de Santa María de Oia.

A IX Semana Cultural deu comezo o mércores cun roteiro pola parroquia e continuará o venres con cantos de taberna: Grupo de canto tradicional do CCV de Petieiros e o Grupo “Faro da Guía” de Lavadores.