Un só bombeiro de garda este domingo para cubrir as emerxencias do Val Miñor

Este domingo día 14, pleno agosto nunha das comarcas máis turísticas de Galicia con miles de visitantes, unha seca e risco de incendio moi elevado, un festival no polígono de Porto do Molle de Nigrán con miles de persoas que pode facer que se cheguen a superar as 200.000 persoas no Val Miñor, e un único efectivo de garda 24 horas para a cubrir as emerxencias dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Así o denuncian desde o propio Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Non é a primeira vez que se cobre unha xornada cun só efectivo, algo que imposibilita as intervencións. Para intervir de maneira efectiva necesítanse como mínimo tres profesionais cualificados por quenda, doutro xeito, no caso de non contar con máis apoios, poderían enfrontarse a situacións realmente complicadas desde o punto de vista da súa seguridade. Se se dá o caso dun incendio nunha nave industrial directamente non poderían actuar ao non contar con medios humanos.

O persoal do GES xa de seu é moi xusto ao contar cunha ducia de traballadores para os tres municipios, e con algúns deles de baixa dáse a curiosidade de que non dispoñen de mans suficientes para utilizar todos os medios dos que dispoñen. O certo é que o cociente de Europa recomenda a un profesional por cada mil habitantes e seguindo este esquema o Val Miñor debería de contar con 45, e todo sen ter en conta o aumento poboacional que se produce en tempada alta.