14 artefactos flotantes lánzanse ao río Miñor

Un total de 14 artefactos flotantes sen motor participaron na tarde deste domingo na oitava edición da xa tradicional concentración “Flota como Poidas”, organizada por quinto ano polo Concello de Nigrán, tras dous sen celebrarse por mor da pandemia. Os 81 valentes tripulantes e as súas hilarantes embarcacións, chegados desde Couso, Vigo, Nigrán, Ramallosa, Vincios, Salceda de Caselas, Pontevedra ou Baiona, volveron divertir e sorprender aos milleiros de asistentes que se achegaron ata A Ramallosa.

O evento, presentado polo Mago Rei Midas, consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. Unha vez finalizada a travesía, os participantes puideron gozar dunha bebida e un bocadillo na Alameda da Ramallosa, onde se realizou tamén a entrega de premios.

O premio para o artefacto máis currado foi para “Carallo que fría está”, a tripulación máis simpática foi a de “Ollo que van vos de sempre”, o premio á familia máis intrépida e participativa foi para “Os chocados”, “Piratas das Rías Baixas” foi o artefacto máis cutre, e “Gasolinera deluxe” levou o premio Titanic. O participante máis novo foi Óscar de “Superflouter” e o máis maior Manuel, integrante de “Carallo que fría está”.

Os premiados levaron desde unha tenda de campaña, un flotador xigante ou grande de flamenco, un flotador golfiño ata unha piscina, ademais de diploma e unha cesta de froitas. Tamén sorteouse entre todos os participantes un kaiak. O xurado desta edición estivo composto por Diego Moreira, concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Medio Ambiente e Persoal, María Mayán, concelleira de Maiores, e Alberto Rodríguez e Miriam Rodríguez, de ValmiñorTV.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.