A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar convoca este sábado 20 de outubro ás 20:00 horas no Centro Neural unha asemblea informativa aberta á veciñanza da Urbanización Miñor, da Avda. do Conde e da contorna da Rúa Ánimas sobre a instalación de composteiros comunitarios. O obxecto da asemblea é buscar o compromiso dos veciños a participar na compostaxe comunitario e tamén consensuar a mellor situación posible.
A Concellería de Medio Ambiente vén desenvolvendo un programa de instalación de composteiros comunitarios en diferentes zonas da Vila, apoiado no Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, co obxecto de converter a materia orgánica que producimos nas nosas casas en compost para os xardíns, hortas, etc.
As Directivas Europeas obrigan a que no ano 2020 os concellos teñen que reciclar entre un 40% e un 60% da materia orgánica que producen, pero sobre todo, é beneficioso para o Medio Ambiente e para aproveitar aquilo que aparentemente xa non serve.
Pero isto non é posible sen a colaboración da veciñanza. Este é o motivo desta asemblea, na que técnicos da Deputación explicarán como funcionan os composteiros comunitarios, quen pode facer uso deles, para quen vai ser o compost resultante, etc.

