Os ovos fritos con chourizo triunfan na Carrasca

O Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca pechou este venres a súa Semana Cultural coa celebración da décima edición da festa gastronómica do ovo frito con chourizo. Desde as 21:30 horas, preto de 25 persoas da entidade traballaron para poder ofrecer 1.500 racións nunha Praza da Carrasca totalmente cuberta por paraugas de cores grazas á colaboración de Juan Alves. O evento gastronómico, que se recuperou tras dous anos sen celebrarse debido ao Covid, congregou a centos de persoas que abarrotaron o “Xogo dos Bolos” para degustar o típico prato. O Grupo de Gaitas “Cores do Sobreiro” da Asociación de Veciños San Martiño de Borreiros foi o encargado de amenizar a festa.