Baiona dotará de rede de saneamento a todas as vivendas do Camiño Bargiela

O Concello de Baiona dotará de saneamento o Camiño Bargiela, que comeza no barrio da Anunciada e finaliza na rúa Covaterreña. Procederase á instalación de nova tubaxe de saneamento para dar acceso ao mesmo a vivendas que non tiñan ese servizo municipal. O Concello considera necesaria a obra porque os residentes na zona trataban as augas residuais de maneira individual con fosas sépticas nas vivendas.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que “esta nova dotación de servizo de saneamento enmárcase dentro dunha serie de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a contorna do núcleo urbano e a súa comunicación cos núcleos rurais e as parroquias. O ideario do proxecto é completar o trazado os servizos necesarios para as vivendas existentes e as futuras”.

Pola súa banda o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comenta a importancia desta obra “que dará servizo ás vivendas deste lugar e a futuras construcións”. Así mesmo, destaca que “para iso, exponse a prolongación do saneamento existente para chegar a todas as casas actuais, a prolongación do abastecemento e a instalación dunha rede nova de recollida de pluviais, ademais da mellora da capa da rodadura do camiño incluíndo o sobreancho nunha parte do viario”.

Trátase dun compromiso do Alcalde de Baiona para que os veciños teñan o mesmo acceso aos servizos municipais residan onde residan. A dotación desta nova rede de saneamento sumarase a outras moitas levadas a cabo nos últimos meses en distintos puntos da localidade. Do mesmo xeito, darase continuidade á mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias do municipio. O rexedor reafirma que o obxectivo é completar o saneamento nos barrios e lembra que a dotación destes servizos aos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades”.

As obras financiaranse con cargo ás subvencións do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e supón un investimento de 155.607,46 euros.