Nigrán celebra este domingo a feira de oportunidades “Portobelo” coincidindo co “Flota como Poidas”

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa asociación de empresarios Ovalmi na organización da feira de oportunidades “Portobelo” este domingo 14 de agosto na Alameda de A Ramallosa, evento que volve a unirse á concentración de artefactos flotantes “Flota como Poidas” que terá lugar ás 17:30 ao seu carón, no esteiro de A Foz.

Unha trintena de comerciantes da comarca ofrecerán durante todo o día (de 11:00 a 21:00 horas) os seus mellores descontos en produtos como calzado, pezas de vestir, enxoval, cosméticos… A feira estará acompañada de diferentes eventos, comezando cunha actuación ás 13:00 de L’Danzia e ás 16:00 de DanZarte, “Flota como Poidas” a continuación e, para rematar, o showman e divertido crooner vigués Tony Lomba ás 20:30 horas.

Tras dous anos sen celebrarse por mor da pandemia debido aos miles de espectadores que reúne, o “Flota como Poidas” regresa cunha ducia de embarcacións participantes á desembocadura do río Miñor. Como cada ano, fiel á filosofía desta hilarante competición, premiarase ao artefacto flotante máis “currado” e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.