Un ciclista ferido de consideración ao ser alcanzado por un turismo en Nigrán

Un ciclista sofre lesións graves despois de ser alcanzado por un turismo en Nigrán.

O afectado foi evacuado de urxencia ao hospital de referencia para ser atendido polas feridas provocadas polo impacto cun vehículo, que lle deixou un ferro cravado nunha perna.

Así o indicaron ao 112 Galicia os membros dos GES de Val Miñor, que acudiron ao lugar do accidente debido á difícil situación na que se atopaba o ciclista. De feito, procederon a cortar o guiador da bici para liberar, así, ao ferido e facilitar a asistencia aos servizos sanitarios de urxencia.

Este accidente rexistrouse no 112 Galicia pasadas as once desta mañá despois de recibir diversas chamadas de persoas particulares, que presenciaron a situación e pedían atención médica urxente. Indicaron que o sinistro tivo lugar na rotonda da Ramallosa, á altura da Ponte Romana. A este punto dirixíronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico, ademais dos efectivos do GES do Val Miñor.

Anuncios