Clausurado o Campus de Baloncesto de Baiona con récord de asistencia

Esta semana tivo lugar o Campus do Club Baloncesto Baiona que, un verán máis, bateu récord de asistencia por quinto ano consecutivo. Esta edición superando os 100 mozos e mozas, de entre 4 e 17 anos, que puideron gozar dunha semana de baloncesto e actividades na Vila. Ademais, os participantes tiveron as visitas do Iberconsa Amfiv, equipo profesional de baloncesto en cadeira de rodas, do Club Vigo Rugby e de Marta Canella, ex xogadora do Club e xogadora profesional de baloncesto. Todos compartiron o seu tempo e a súa paixón polo deporte, gozando e compartindo os seus coñecementos e experiencias.

Desde o Club queren agradecer o traballo de todo o seu corpo técnico, xa que grazas a eles foi posible realizar un ano máis este Campus, no que ademais de baloncesto, aprenden valores como o traballo en equipo, respecto, compañeirismo e inclusión. Tamén dan as grazas aos colaboradores e patrocinadores do Club, en especial a Eroski Baiona, xa que son unha peza fundamental para poder levar a cabo este evento e seguir gozando e ampliando a familia do baloncesto en Baiona.