Baiona clausura a primeira quincena do seu campamento urbano gratuíto

A Praza do Concello de Baiona acolleu esta mañá o acto de clausura da primeira quincena do campamento urbano ofertado de forma gratuíta a través da Concellería de Cultura. A actividade está destinada a menores de 5 a 12 anos, para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas.

Durante o campamento desenvolveuse un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Houbo distintas clases de xogos: de presentación, de cooperación, de integración… visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades programáronse visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Rocha, ao Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento Encontro entre Dous Mundos, ao porto… Tamén se realizou un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática para esta fin de quenda.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, fixo entrega dun diploma a cada un dos nenos e nenas participantes que intercambiaron co rexedor as súas impresións acerca das actividades na que participaron estes días de campamento urbano. Para a súa celebración establecéronse dúas quendas no mes de agosto: do 1 ao 12 e do 16 ao 31. Os horarios son de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas e hai 30 prazas por quenda.