Podemos Nigrán insta ao Concello á creación dun plan de lecer xuvenil alternativo e saudable

Podemos Nigrán insta ao Concello á creación dun plan de lecer xuvenil alternativo e saudable. A formación morada propón a creación de alternativas estables de lecer e tempo libre con carácter lúdico, participativo, igualitario, de relación e gratuíto durante as fins de semana para as mozas e mozos do municipio.

“Aínda que en Nigrán existe unha gran variedade de actividades de lecer, sobre todo na época estival, o certo é que as ofertas lúdicas para a mocidade son escasas, sobre todo no período no que as escolas ou clubs deportivos do municipio non teñen actividade. Isto provoca que as opcións de lecer para a mocidade en xeral viren en torno ao consumo de substancias, con todas as problemáticas que isto conleva”, apuntan desde Podemos.

Para a formación morada, unha das características máis importantes deste programa debería ser o carácter gratuíto das actividades, de maneira que o poder adquisitivo non fose unha barreira á hora de gozar dun tempo libre de calidade. Ademais de fomentar o lecer inclusivo, desenvolvendo actividades nas que calquera persoa poida participar nun ambiente “normalizado” independentemente das súas características, habilidades e capacidades.

Para iso Podemos propón o aproveitamento de espazos municipais, como o Pavillón Municipal ou o Auditorio, dándolle un uso adecuado as fins de semana en horarios de tarde e/o noite, onde poder desenvolver diversas actividades innovadoras acordes coas inquietudes e intereses da xente nova, como poden ser: sesións de DJs e baile, obradoiros de creatividade, xogos de rol en vivo, escape room, ciclos de cinema, etc…