O paseo litoral de Baiona estrea nova ponte sobre o río Guillade

Finalizados os traballos de substitución da ponte de madeira paralela á Avenida Praia Ladeira, moi próxima ao cemiterio parroquial de Santa Cristina. A estrutura de madeira de piñeiro que serve para salvar unha canle de auga procedente do Río Guillade na súa desembocadura na Ría de Baiona presentaba unha importante deterioración.

As obras, que supuxeron un investimento de 32.592,40 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, consistiron na renovación íntegra de elementos: substitución dos piares de madeira por columnas de granito; substitución de todas as vigas de madeira maciza por vigas laminadas GL24 de madeira tropical, tratadas en autoclave para clase de uso 3.2 e protexidas mediante a aplicación de lasur á auga satinado incoloro e transparente, aplicando dúas mans.

Outro dos cambios importantes tras os traballos de renovación foi o aumento do ancho da pasarela ata os 4 metros para dar continuidade ao paseo existente, mediante taboleiros ranurados de madeira de carballo de 20x4cm protexidos mediante a aplicación de lasur á auga con efecto antiescorregadizo en dúas cores contrastadas (piñeiro e teca), para dividir a senda peonil da de bicicletas, aplicando dúas mans. Así mesmo, as deterioradas varandas de madeira foron cambiadas por outras completamente renovadas, mellorando en seguridade.

A nova pasarela dispón de elementos máis resistentes ao paso do tempo e ás inclemencias meteorolóxicas, co fin de incrementar a durabilidade da infraestrutura.