Gondomar avanza na mellora da seguridade viaria coa reordenación da rotonda de San Bieito e a súa contorna

Acceder ao centro urbano de Gondomar é máis doado e seguro grazas á remodelación, xa rematada, do cruce das rúas San Bieito e Morgadáns coas estradas provinciais que dan servizo ás parroquias de Peiteiros e Chaín-Morgadáns. As obras, financiadas pola Deputación de Pontevedra, recibiron hoxe a visita da presidenta Carmela Silva, acompañada polo alcalde, Francisco Ferreira, e membros da Corporación municipal, e do deputado de Cooperación, Santos Héctor. A actuación supuxo un investimento total de 249.756 euros por parte da Administración provincial.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse emocionada coa transformación que se está a levar a cabo no concello: “Gondomar é outro Gondomar”, afirmou. Ademais puxo en valor o acabado estético e funcional dunha obra “moi ben rematada”, que mellorará a seguridade viaria no municipio tanto para as persoas que camiñan como para os vehículos. “Estamos nunha vila con moita historia, cun patrimonio moi importante, con moita vida, pero na que antes non parabas porque non había espazo para as persoas. Agora hai un Gondomar que pasear”. Coas humanizacións que se están a facer “apareceron comercios, hostalería, creouse riqueza e emprego”, destacou.

Carmela Silva salientou a aposta do Goberno local e do alcalde para que as obras que se levan a cabo non só se executen no centro urbano senón tamén en todos os núcleos rurais. Neste senso, en alusión ás declaracións do alcalde corroborou a súa sorpresa polo avance producido en Gondomar: “Di o tango que 20 anos non son nada, pois 7 anos menos, así que todo o que se fixo neste escaso tempo é único, aínda que queda moito por facer”. “Síntome feliz de que a Deputación poida ser o instrumento do cambio”, concluíu.

O alcalde, Francisco Ferreira, definiu a obra en tres vertentes: a súa parte estética e ornamental, embelecendo toda a contorna; na renovación de servizos no subsolo e, finalmente, no avance da seguridade viaria tanto peonil como rodada”. Trátase dunha rotonda clave para dar acceso dende as rúas ás parroquias de Chaín, Morgadáns e Peiteiros, unha confluencia que “aglutina o tráfico local de arredor de 7.000 veciños e o de paso” e na que era moi importante obter unha maior seguridade viaria. Ferreira, en último lugar, quixo agradecer á presidenta da Deputación “todo o que leva feito en sete anos”. “Esta obra é un exemplo máis do que a Deputación vén facendo en Gondomar. A Deputación sempre está aí; e se en 7 anos fomos quen de facer isto con Carmela Silva á fronte, imaxinemos o que poderiamos facer a maiores con outros 7 anos”.

As obras leváronse a cabo na rotonda na que conflúen as rúas San Bieito e do Emigrante xunto co inicio das estradas provinciais EP-2403 e EP-2404, de Chaín e Morgadáns, respectivamente. A actuación deseñouse para aumentar a prioridade e a seguridade da veciñanza e dos viandantes, amais, de aumentar a maniobrabilidade dos vehículos articulados e dos autobuses na rotonda de interconexión e na que, ata o de agora, había dificultades para realizar o xiro.

A humanización de toda a contorna estruturouse cunha xenerosa ampliación das beirarrúas e execución de dous novos tramos no arranque das dúas estradas provinciais gracias á construción dun muro de contención onde antes había un terraplén que impedía o tránsito peonil. Deste xeito gañouse o espazo necesario para construír as novas beirarrúas, con 2,50 metros de ancho en dirección a Peitieiros e Chaín-Morgadáns, e tamén para acoller tódalas canalizacións soterradas dos servizos urbanos. O acabado estético reforzouse cunha varanda e coa instalación de xardineiras e vexetación con plantas trepadoras.

A obra “estira”, na práctica, a zona urbana, dando un tratamento de lastra de granito ao pavimento e incluíndo tamén dous pasos de peóns sobreelevados cun ton máis escuro. A nova rotonda conta cunha base remontable no seu perímetro e soluciona, deste xeito o paso dos autobuses e vehículos pesados, que carecen doutra vía para atravesar Gondomar. Ademais, modificouse a situación anterior da parada de autobuses, que agora conta cun espazo propio, seguro e correctamente sinalizado.