A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertedura de augas residuais domésticas cara ao rego das Tres Regueiras, ao seu paso polo concello de Baiona. Os técnicos do Programa de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, detectaron o foco no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo nese municipio.
A achega contaminante localizouse nunha condución procedente dunha vivenda particular no lugar dos Portelos, que vertía directamente cara ao rego. A Xunta informou ao titular da necesidade de proceder á adopción das medidas precisas para a emenda da vertedura. Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos de Augas de Galicia verificaron a emenda do foco, tras a retirada da condución a través da cal se producía a vertedura irregular ao dominio público hidráulico.

