Nigrán ampliará a súa aposta polos hortos comunitarios habilitando un no Parque Vázquez Grela

O Concello de Nigrán redobrará a súa aposta polos hortos comunitarios habilitando este setembro un novo no Parque Vázquez Grela (Nigrán). O obxectivo é que sirva como ampliación e complemento ao creado na Ramallosa o pasado mes de abril pero, neste caso, cultivando directamente na terra e non en grandes maceteiros e tamén da man da cooperativa local Somos Terra (encargada tamén de dirixir os cultivos nos centros escolares de Nigrán promovidos desde o Consistorio). O obxectivo é que sigan traballando en equipo e de xeito colaborativo, pero neste horto tamén contemplan que se poida deixar un pequeno espazo para que cada usuario o empregue libremente.

“Está sendo un éxito de participación e de resultado e moitos veciños nos están demandando más espazos nos núcleos urbanos, por iso esta zona en pleno Nigrán cremos que é a ideal para avanzar nesta liña”, sinala o alcalde, Juan González. “Queremos promover o autocultivo nunha contorna que actualmente é moito máis urbana que o interior do municipio, fomentar hábitos saudables e potenciar a sensibilidade ambiental. Nos tempos que corren significa tamén un aforro nos petos dos usuarios e unha aposta pola sostibilidade”.

“Empezaremos de cero, preparando entre todos o terreo, o que implica que durante un ano realmente non haberá unha colleita significativa de nada porque o principal é dotar ao terreo das condicións necesarias para producir, así que aprenderemos esas técnicas”, explican desde Somos Terra.

Actualmente 40 familias traballan activamente na horta municipal da Praza Carlos Casares (ao carón da Piscina Mancomunada), onde nestes meses xa colleitaron infinidade de cabaciños e pepinos e tamén xudías, cebolas, leitugas, patacas, pementos, berenxenas, amorodos ou tomates. Xa nas vindeiras semanas esperan recoller brécol, sandía, repolo ou remolacha, entre outros.

O sistema deseñado para o Concello por Somos Terra implica que todos os usuarios realizan os traballos conxuntamente polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a posteriori a colleita de xeito equitativo entre todos. Para elo, establécense un calendario de tarefas que os inscritos deben seguir e semanalmente se realizan obradoiros específicos sobre determinados temas hortícolas (compostaxe, rego, especies aromáticas, hortos verticais…) ademais de contar con asesoramento presencial dous días en semana. No novo espazo de Nigrán esperan combinar este sistema co máis tradicional de dar espazo a cada usuario, “iremos consultando e facendo segundo a demanda”, puntualizan.

“Está funcionando marabillosamente, non existe o máis mínimo problema á hora de repartir a colleita ou de traballar e a veciñanza respecta totalmente os froitos”, explica Raquel, de Somos Terra, quen engade que os propios usuarios demandaban poder traballar nun lugar máis amplo e directamente na terra, non en macetas con substrato. “Significa dar un paso máis e ampliar as posibilidades, é como pasar do laboratorio á realidade. Os nosos usuarios xa levaron esta afección tamén aos seus propios balcóns e terrazas, estes coñecementos estenden o autocultivo exponencialmente”, sintetiza.

“A zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transformouse nun punto de encontro onde florecen os mellores valores e dos que como goberno nos sentimos máis orgullosos de promover. Agora queremos levar esta filosofía ao Parque Vázquez Grela de Nigrán, descoñecido para unha boa parte da veciñanza e con terreo de abondo para compatibilizar usos”, conclúe o alcalde.