Gondomar apagará a iluminación en todos os seus edificios a partir das dez da noite

A partir de hoxe ás 22:00 horas e en cumprimento do R.D. 14/2022 de 1 de Agosto, de medidas de sostenibilidade económica así como de medidas de aforro, eficiencia enerxética e de redución da dependencia enerxética do gas natural, o Concello de Gondomar apagará a iluminación nos edificios da súa titularidade, a partir das 22:00 horas, cando estes se encontren baleiros. Así mesmo, as dependencias municipais que conten con aire acondicionado limitarán a súa temperatura mínima aos 27 graos.

Dende o Concello de Gondomar se solicita a colaboración dos comerciantes da vila para que, en aplicación deste Real Decreto procedan a apagar os seus escaparates a partir das 22:00 horas, e así mesmo, regulen os seus sistemas de climatización dentro dos parámetros marcados polo decreto aprobado polo Goberno de España, e que resulta de obrigado cumprimento.

O alcalde, Paco Ferreira, destacou que “este goberno local sempre apoiará calquera medida encamiñada ao aforro enerxético, e non só por unha cuestión económica, senón porque somos un Concello concienciado e á vangarda na loita contra o cambio climático”.