A Parranda de San Pedro volverá peregrinar a San Roque

Manolo, Carlos, Urbano, Jorge, Sergio e Pili.

A Parranda de San Pedro a San Roque pon á venda as súas novas camisetas acompañadas dunha viseira por 10 euros. Poden adquirirse no bar Siglo XXI de Vilariño, no Centro Cultural de San Roque en Morgadáns ou contactando no teléfono 627 904 058. Tamén se venderán o propio día 16 de agosto ao longo do traxecto entre Nigrán e Gondomar. Tras dous anos de parón pola pandemia, a Parranda de San Pedro partirá ás 9:00 da mañá desde A Ramallosa con destino á Capela de San Roque, en Morgadáns, acompañada todo o camiño por unha charanga. Todos os que completen a camiñada levando a camiseta poderán repoñer forzas cun anaco de empanada.

Aínda que non hai constancia exacta de cando se creou a Parranda de San Pedro, varios veciños coinciden no ano 1917. Desde entón, cada 16 de agosto centos de persoas reúnense para realizar a tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, en Gondomar, un percorrido duns 8 quilómetros que desde fai máis dun século realízase como mostra de fe a San Roque.

O que comezou como unha reunión de ao redor de 70 veciños, foi crecendo ano tras ano ata alcanzar cifras como a do 2017, cando preto de 1.000 romeiros partiron cara a Gondomar, cos maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión, converténdose ademais nunha tradición que pasa de pais a fillos.

Xa na vila condal ten lugar o encontro coa banda de música, para deseguido continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque, sempre acompañados da música verbeneira da charanga e a animación e alegría dos camiñantes. Tras case tres horas de percorrido, a Parranda chega ao seu destino. Despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, repoñen forzas cun aperitivo para a continuación asistir á Misa Solemne e á procesión na honra de San Roque.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, as tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro dan paso á música, a comida, a charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle os seus bártulos e inicia a viaxe de volta cara Nigrán, para finalizar no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño, pensando sempre xa no próximo ano.