Víctor Muñoz dimite como concelleiro de Urbanismo de Baiona por motivos laborais

“Estamos para axudar, para escoitar, para levarnos paus e agradecementos. Foi unha experiencia con maiúsculas”. Deste xeito, o ata agora concelleiro de Urbanismo de Baiona, Víctor Manuel Muñoz, resumiu así a súa primeira toma de contacto co mundo da política, actividade á que se dedicou durante os últimos tres anos e que polo momento deixa ao carón ante a imposibilidade de compatibilizar o cargo no consistorio coa súa profesión relacionada co sector pericial orientado a arquitectura e urbanismo. A súa decisión, feita pública no pleno celebrado o venres, espertou os agradecementos dos membros da Corporación xerando un ambiente inusualmente emotivo na sesión plenaria. “A verdade é que foi un pracer traballar con todos eles, tanto co PSOE, como con Nós, BNG ou PP e para os veciños”, afirmou.

O 1 de setembro incorporarase ao seu novo posto con sede en Madrid como director nacional na empresa para a que traballa, e a pesar de que manifestou deixar o cargo “con pena” tampouco descarta volver algún día “se as condicións son propicias”. “Nunca pecho portas. Non é un punto e final, é un punto e seguido, ademais deixoume con moi bo sabor de boca”, manifestou. Deste xeito, Muñoz apártase da actividade na recta final do mandato do tripartito e a menos dun ano das próximas municipais. No seu lugar entrará Andrea Pérez González, número 7 da lista do PSOE e polo momento aínda non se sabe quen ocupará as áreas de Urbanismo, Comercio e Mercado. O alcalde Carlos Gómez adiantou que darán a coñecer os cambios cara a finais da semana próxima, unhas modificacións que probablemente obriguen á reestruturación de máis dunha Concellería.