Nigrán despide hoxe o festival infantil “Parrulas Fest” cunha gala especial de “Pallasos sen Fronteiras”

O Concello de Nigrán despide hoxe sábado 6 de agosto a terceira edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa cunha gala especial de “Pallasos sen Fronteiras” a partir das 20:30 horas conducida por Peter Punk. Antes, ás 19:30 horas, terá lugar a actuación da arxentina Maku Fanchulini, que tamén actuará na gala. O evento solidario estará presentado por Peter Punk e contará con “Chacovachi”, Brais das Hortas e “A saco circo”. Así, o recadado mediante o merchandising á venda e a “gorra solidaria” que pasarán os artistas será para apoiar a “Pallasos sen Fronteiras”, unha organización que desenvolve o seu traballo a favor da infancia máis desfavorecida do estado e que tamén actúa a nivel internacional para mellorar a situación emocional de nenos e nenas refuxiadas, desprazadas e afectadas por conflitos armados e desastres naturais. Cada ano “Parrulas Fest” despídese con este evento, podendo cooperar deste xeito con expedicións de “Pallasos sen Fronteiras” no 2021 a Colombia, Líbano e a Polonia (fronteira con Ucraína).

“O festival está sendo un éxito tremendo e os cativos poden desfrutalo en plenitude despois de dous anos con moitas medidas de seguridade Covid”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “Parrulas” é xa unha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán.

Nesta ocasión, a cita iniciada o mércores 3 de agosto contou con 6 das mellores compañías galegas de artes escénicas (clown, circo, acrobacias, teatro, malabares e outras disciplinas) coa gran particularidade de que dous dos artistas principais, Peter Punk e Jano Costas, son veciños de Nigrán. Sen embargo, a gran novidade é que “Parrulas Fest” deu o salto internacional cos prestixiosos arxentinos “Chacovachi” e “Maku Fanchulini”, a alemá Kaldi e, fóra de Galicia, volveu contar cunha compañía andaluza (neste ano Antúan de la Cream).

“A nosa programación destaca por valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez “Peter Punk”, veciño de Nigrán quen ten como obxectivo “situar á localidade no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.