Abel e Jorge Rodríguez e Nuria Domínguez e Mª Cristina González gañan a Regata de Gamelas de Baiona

As augas de Baiona acolleron este venres a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Eurored Vigo 2022”, organizada un ano máis pola Concellería de Deportes con motivo das festas patronais da Anunciada. Nesta edición, toda a regata volveu centralizarse nun único día, coa celebración das quendas clasificatorias femininas e masculinas e as súas respectivas finais. Despois da entrega de premios, os participantes puideron gozar dunha festa fin de regata con paella.

Participaron un total de 23 parellas, 15 masculinas e 8 femininas, chegadas de Tui, A Guarda, Vigo, Uruguai, Redondela, Nigrán, Canarias, Salvaterra de Miño, Moaña, O Rosal e Coruxo. Clasificáronse para as finais as 4 parellas masculinas e femininas que conseguiron os mellores tempos nas quendas clasificatorias.

Na categoría masculina os gañadores foron Abel Rodríguez Lomba e Jorge Rodríguez Vicente, da Guarda, que completaron os 6 longos e 5 xiros nun tempo de 9:06.55. Os tamén guardeses Damián Alonso Alonso e Óscar Alonso Alonso, que conseguiron a vitoria na anterior edición, cruzaron a liña de meta en segunda posición a tan só 6 centésimas dos campións. Felipe Kluber Ferreira e Bruno Cetraro Berriolo, de Tui, conseguiron o terceiro posto do podio cun tempo de 11:06.08.

As tudenses Nuria Domínguez Asensio e María Cristina González Álvarez revalidaron o título de campioas na categoría feminina, ao completar os 4 longos e 3 xiros en 6:38.34. O segundo posto foi para Tatiana Seijas e Nicole Yarzon, de Uruguai, que cruzaron a liña de meta tras 7:05.38. Iria Álvarez Rodríguez e Lara Álvarez Rodríguez, tamén de Tui, pecharon o podio en terceira posición cun tempo de 8:09.56.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibiron ademais de trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Tamén houbo agasallos para todos os participantes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.