O PP acusa o tripartito de bloquear o labor fiscalizador da oposición

O alcalde de Baiona convocou para este venres outro pleno extraordinario urxente, o segundo en apenas dúas semanas. Para o PP, unha decisión sen sentido porque na orde do día non hai ningún asunto que deba solucionarse en menos de 48 horas, como recolle o regulamento para a celebración deste tipo de sesións exprés. “De feito, moitos dos temas que se tratarán teñen unha antigüidade igual ou superior aos tres anos, como son o contrato de limpeza de edificios municipais (caducado desde 2019), a modificación puntual nº2 do PXOM polo Complexo Deportivo de As Costeiras e ao pago de facturas por valor dun millón de euros a cargo dos aforros de todos os baioneses”, apuntan.

Para os populares, trátase dunha manobra do rexedor para torpedear o labor fiscalizador da oposición e impedirlles que poidan revisar toda a documentación de fronte ao venres. Nos plenos ordinarios e extraordinarios poden acceder á información entre 7 e 10 días antes do pleno e nos urxentes extraordinarios entre dous e tres días antes. “Ademais, e casualmente, faio en pleno mes de agosto cando os veciños atópanse gozando das súas vacacións e máis desconectados da actualidade do seu municipio”.

O PP considera “inxustificable, inmoral e ilóxico” utilizar esta ferramenta dunha forma tan rutineira como o fai o tripartito. “Os plenos ordinarios mensuais van practicamente baleiros de contido e en só dúas semanas convocan dúas sesións extraordinarias urxentes, absurdo”, afirman os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Baiona.

Ademais, e aínda por riba, dáse a circunstancia de que na mañá de onte desde o gabinete de alcaldía trasladan ao PP que se esqueceron de incluír na orde do día uno dos dous asuntos “importantes” cos que trataban de xustificar esta sesión extraordinaria urxente, a adxudicación do maior contrato do Concello de Baiona que é o da limpeza dos edificios municipais por valor de 1,935,690 euros. “Son tan urxentes que se esquecen de incluílos no pleno urxente”, ironizan.