Baiona leva a pleno a eliminación do campo de golf de Baredo do PXOM

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Veciños de Baredo no Pleno de Baiona.

O Concello de Baiona procederá este venres en pleno extraordinario urxente á aprobación inicial da modificación puntual dous do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para, por unha banda, suprimir o Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas As Costeiras, que contemplaba a construción dun campo de golf en Baredo, delimitado polo PXOM en chan rústico, e por outra, realizar a modificación da categorización do chan urbano duns terreos situados na rúa Virgen del Pilar, delimitada polo PXOM, recoñecendo a súa categorización coma chan urbano.

Tras este primeiro paso o Concello manterá o documento en exposición pública polo prazo de dous meses, período logo do cal -e da resolución das posibles alegacións que se presenten- producirase a súa aprobación previa para logo elevalo á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

O rexedor baionés apela “á responsabilidade política e a defensa dos intereses xerais da Vila de Baiona onde a solución presentada polo Alcalde e o equipo técnico do Concello de Baiona afórralles aos veciños e veciñas de Baiona 700.000 euros. Isto vén demostrar a falta de xestión do anterior goberno de Baiona o cal, xunto ao equipo redactor, defendía por enriba dos intereses veciñais os intereses privados”.