Ferreira acusa a Araújo de facer “demagoxia e unha política populista” co Punto Limpo

O goberno municipal aprobará no próximo Pleno o novo regulamento de funcionamento do punto limpo, e que dará un mellor servizo aos veciños, adaptándoo á normativa vixente, así como ampliando a súa superficie en 60 m2 máis e para a recollida de RAEES.

A ampliación farase a través dunha subvención da Deputación Provincial de 50.000 €, e consistirá na mellora das instalacións para a recollida de electrodomésticos, etc… (RAEES). Ao mesmo tempo a empresa concesionaria da recollida de RSU levará a cabo melloras nas instalacións restantes, tales como o acceso, cartelería, iluminación ou seguridade interior e do peche perimetral do recinto, que será ampliado dos 800 m2 existentes aos 2.000 m2.

Actualmente o Concello está a pagar un aluguer mensual de 1.537 euros á Comunidade de Montes de Vincios desde o ano 2008 e por un período de 30 anos prorrogables por outros 30 máis, “a pesar de que naquel momento existían ofertas máis vantaxosas para os intereses do Concello e de mellor localización, como foi a presentada pola Comunidade de Montes de Chaín”, afirma o alcalde, Paco Ferreira.

Engade que “non só é cuestionable senón que foi totalmente irregular dita contratación, máis se cabe, o facerse sen ningún tipo de informe xurídico nin da intervención municipal que o apoiase. É máis, dos 2.000 m2 que figuran no contrato de aluguer, tan só foron ocupados para o punto limpo 800 m2 e 550 m2 para os accesos”.

Explica que o goberno local non só ampliará o servizo do punto limpo, senón que aproveitará a totalidade da superficie xa que “desgraciadamente estamos a pagar un prezo moi elevado segundo as características do mesmo, que ascenden a máis de 18.000 euros anuais que se incrementarán cada ano co IPC, ata o 2038. Cando finalicemos o contrato abonariamos a montes en concepto de aluguer máis de 550.000 de euros”.

“Esa é a política de austeridade e de xestión que nos deixou o Sr. Araújo -di o rexedor- que nin sequera aproveitou os seus case catro anos de responsable de medio ambiente no mandato pasado para facer nada respecto diso, tan só dedicándose á demagoxia que nos ten afeitos ao longo dos seus máis de 40 anos que leva na política local”.

Entende que quen critica este novo regulamento de funcionamento do punto limpo, agora adaptado á normativa vixente, só denotan unha falta de coñecementos neste sector e da normativa vixente, así como non coñecer a axenda 2030 da Unión Europea. Descoñecemento que vai máis aló, cando se fala sobre o destino de cada residuo porque “cando Araújo afirma que os residuos van a SOGAMA, ben falta á verdade ou non sabe do que fala, dado que os mesmos son retirados por xestores autorizados (vidro, madeira, restos vexetais, chatarra, etc…”, indicou o concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Brais Misa.

Actualmente o regulamento do punto limpo só autoriza a posibilidade de depositar ao mes una certa cantidade de aveños por persoas. O novo regulamento revisa esas cantidades e déixase aberta a posibilidade de que, a maiores, cada usuario poida ampliala, previo pago dunha simbólica taxa que deberá ser regulada mediante a aprobación da correspondente Ordenanza Fiscal, e que nunca sería efectiva antes do 2021.

Por outra banda, Paco Ferreira anuncia que o seu goberno estuda a posibilidade de trasladar nun futuro o punto limpo ao Polígono da Pasaxe, aproveitando a súa futura ampliación e urbanización. Desta forma “poderiamos aforrar o innecesario aluguer de máis de 1.500 euros ao mes que pagamos grazas á xestión herdada do señor Araújo, e crear un punto limpo de 10.000 m2 que dea servizo ao polígono e a todo Gondomar”.

Insiste en que é algo moi necesario para que toda a cidadanía dispoña dun lugar no que depositar libremente as súas pertenzas e non como agora, que os 1.300 m2, que quedan escasos e teñen unha accesibilidade difíciles e escasas posibilidades de crecer” ao atoparse vías de comunicación como a autoestrada, a PO-331 ou a canteira á súa ao redor “encorsetando o punto limpo, facendo inviable o seu crecemento se fose necesario”.

Anuncios