A Xunta intensifica o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns

FOTO: PEPE COSTAS // Encoro de Baíña.

A Xunta estende a prealerta por escaseza de Auga á bacía do río Anllóns, mantela na conca do río Lérez e intensifica o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural. Na xuntanza, acordouse manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

No encontro analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación, confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano. En canto á meteoroloxía, o mes de xullo foi moi seco e as previsións para agosto manifestan falta de precipitacións. Os caudais circulantes rexistraron no mes de xullo valores inferiores aos habituais para esta época do ano, un 34,4% por debaixo, da media dos últimos dez anos. Apréciase un empeoramento con respecto a mediados de xullo, onde os caudais estaban un 20% por debaixo da media histórica.

A Xunta, considerando a situación meteorolóxica rexistrada dende principios de ano, o descenso das reservas de auga rexistrado e o aumento da poboación estival na zona sur de demarcación, realiza unha valoración particularizada e un seguimento exhaustivo dos encoros de Baiona e Zamáns, orixe dos sistemas de abastecemento de Baiona, Nigrán, Gondomar e parte de Vigo. Propón para estas zonas que se empecen a tomar as mesmas medidas que nos concellos que xa ten activada a prealerta por escaseza, dada a situación de ambos os dous encoros e a alta demanda que estes municipios rexistran en verán.

Evitar usos innecesarios da auga

A Xunta continúa reiterando o chamamento ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico. Cómpre a sumar de esforzos por parte dos cidadáns e das administracións, activando medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos, entre outras. Os Concellos deben seguir incidindo nas medidas xa adoptadas e implementado outras novas, como por exemplo o Concello de Sanxenxo, que pechou a piscina municipal para tratar de salvar a época estival coas garantías das reservas de auga.