O colexio de Peitieiros reclama un semáforo para garantir a seguridade dos alumnos

O Partido Popular de Gondomar está realizando estes días unha rolda de visitas aos colexios públicos do municipio para preguntar polo comezo do curso e ao mesmo tempo interesarse polas necesidades que teñen os centros educativos para o desenvolvemento normal da actividade lectiva. Este mércores a súa voceira visitou o Colexio Público Xosé Neira Vilas de Peitieiros. Na entrevista saíron a colación as obras realizadas o ano pasado na contorna do centro. A directora manifestoulle o seu desacordo coas obras realizadas na estrada provincial, e que despois dun ano feitas “confirman que para nada garanten a seguridade dos cativos, xa que os autobuses van a seguir parando na propia estrada”. Ademais, a Policía Local non subiu ningún día ao centro dende que comezou o curso, en contra do que se comprometera no seu día o alcalde Paco Ferreira. O que si piden é un semáforo que se active dende o centro para poder deter o tráfico na entrada e saída do alumnado.

Paula Bouzós interesouse tamén por outros problemas do centro como a rotura dos canelóns de recollida de augas da pista polideportiva e que seguen sen arranxarse dende fai máis dun ano que se rompera. A directora do centro aproveitou así mesmo para agradecerlle as xestións feitas para o cambio de ventás, así como as obras feitas polo concello na claraboia de entrada, ambas necesarias para evitar o exceso de gasto en calefacción por culpa da falta de illamento co exterior, e lle solicitou que na medida do posible a Consellería de Educación da Xunta de Galicia siga colaborando no cambio das ventás do centro.

Paula Bouzós agradeceulle que a recibise, e comprometeuse a poñer en coñecemento das administracións públicas responsables estas deficiencias, co fin de que na medida do posible se poidan ir acometendo as obras necesarias para o seu arranxo.