O Centro de Información á Muller de Gondomar incorpora unha avogada para asesoramento xurídico

O Centro de Información á Muller (CIM) de Gondomar incorpora dende mañá unha letrada que facilitará asesoramento xurídico a mulleres que así o requiran. As consultas realizaranse os mércores e xoves en horario de 09:00 a 14:00 horas, con cita previa.

Este servizo interrompido temporalmente despois da xubilación da letrada anterior, ponse novamente en marcha tras as xestións do Concello de Gondomar ante a Xunta de Galicia para que permitise a contratación dun servizo de asesoramento externo.

Ademais mantense o servizo de axuda psicolóxica, que está operativo todos os martes e mércores de 09:30 a 14:30 horas. Así mesmo dentro da reestruturación e mellora dos servizos deste centro de información vén de nomearse como nova directora a Susana Fernández.