“O tripartito de Baiona esquécese do Plan de Recuperación Económica”

A corporación municipal celebrará mañá un novo pleno ordinario no que non está incluído na orde do día da sesión o Plan de Recuperación Económica que o alcalde, Carlos Gómez, prometera aos hostaleiros, un “novo incumprimento” da súa palabra e a marzo de 2021, un ano despois do inicio da pandemia, aínda non presentou un paquete de medidas de apoio ao tecido empresarial local.

Para o PP baionés este é un exemplo máis da “desidia” do goberno tripartito que nin sequera nunha situación excepcional como a actual na que centenares de familias están a pasar verdadeiros problemas económicos preocúpase por traballar para buscar fórmulas que lles permitan paliar as consecuencias das restricións sanitarias. “O Alcalde comprometeuse cos hostaleiros a levar canto antes ao pleno ese Plan e cal é a nosa sorpresa que, novamente, non o fará”, critican os populares, que cualifican a situación de “abandono aos veciños”.

“As empresas de Baiona non poden aguantar máis e parece que a este goberno a tres dálle igual. Non cumpren coas súas propias promesas, non propoñen e tampouco aceptan propostas da oposición”, manifestan mentres lembran que outros municipios da contorna xa fixeron este traballo hai tempo. “A falta de xestión deste tripartito está a situar a Baiona á cola en todo, tamén en ofrecer un salvavidas económico aos seus veciños a pesar de anuncialo nos medios aos catro ventos para acalar as críticas do sector”, apostilan.