Baiona celebra as Festas da Anunciada con Abraham Mateo, Burning e Michael Legend

Baiona celebra a próxima fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe da Anunciada. O venres 5 de agosto o programa comezará ás 11:00 da mañá co lanzamento de 3 bombas de palenque. Ás 20:30 horas sairá desde a Alameda Carabela Pinta o pasarrúas “Mundo Circense” a cargo de La Fiesta Escénica. Xa pola noite, a partir das 23:00 horas, unha Sesión DJ e o concerto de Abraham Mateo (23:30) amenizarán a festa no Parque da Palma.

O sábado 6 de agosto a programación arrancará ás 11:30 co pasarrúas dos Xigantes e Cabezudos acompañados pola Asociación Cultural “A Seneira” de Baiona. Ás 20:00 horas celebrarase na Igrexa de Santa María de Baiona a Misa Solemne na honra da Virxe da Anunciada cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación, terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada pola Agrupación Musical de Belesar e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata. Ás 22:30 horas comezará o concerto de Atraco no Parque da Palma. A media noite, terá lugar a gran tirada de fogos de lucería a cargo da pirotecnia Argimiro Alborés, que dará paso ao concerto de Burning ás 00:30 horas no Parque da Palma.

O pasarrúas dos Xigantes e Cabezudos acompañados pola charanga Nova Cubana abrirá de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo día 7. Ás 12:00 horas, a Asociación Folclórica “Vila de Baiona” e a Asociación Cultural “A Seneira” de Baiona ofrecerán un pasarrúas desde o casco antigo ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado. Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:00 horas, o Parque da Palma acollerá o espectáculo familiar “Los Gabytos”. Ás 22:00 horas, tamén no Parque da Palma, comezará “Michael Legend. Jackson Tribute”, unha homenaxe ao Rei do Pop.

O luns 8 de agosto ás 11:00 da mañá celebrarase unha Misa de San Telmo polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona.