Baiona revalida o título dun dos mellores destinos sostibles do mundo

Baiona revalida o título dun dos mellores destinos sostibles do mundo. En concreto, o premio é Quality Coast Gold Award, é dicir, a categoría de ouro, de todas as categorías, a Vila sitúase na segunda máis importante. O destino Baiona solicitou con éxito o recoñecemento da súa política de sustentabilidade e os seus logros a través do programa Green Destinations. Este programa certifica e promove os destinos turísticos sostibles a nivel internacional de acordo con criterios ambientais, socioeconómicos, turísticos e culturais.

Con este recoñecemento o comité internacional que elabora esta listaxe distingue á vila mariñeira, tras un período de preparación e presentación de informes exhaustivos de expedientes substanciais que abarcan máis de 100 criterios e indicadores de sustentabilidade, e unha auditoría independente in situ, atribuíuse a Baiona o nivel de premio Green Destinations, que indica a excelencia en todos os ámbitos da xestión de destinos sostibles, como a conservación da natureza e o patrimonio, a xestión de residuos, a enerxía e o clima.

O premio é tamén un recoñecemento aos esforzos dos destinos por manter o atractivo do seu turismo no futuro. Non só se miden os aspectos visibles e tanxibles, como o patrimonio natural, senón tamén os plans de política e xestión que teñen en conta os principios do desenvolvemento sostible. “A nota media da auditoría de Baiona foi dun 8’5 sobre 10. Os criterios valorados son referentes a 6 bloques temáticos diferentes: Xestión do destino, Natureza e paisaxe, Medio e clima, Cultura e tradición, Benestar social e Negocios e comunicación”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo.

A puntuación máis alta recíbese en Cultura e tradición, no que se valora o gran contido de patrimonio cultural, tanxible e intanxible, a xestión do impacto do turismo no mesmo, así como o coidado das tradicións. “O esforzo e o traballo diario dos técnicos e técnicas levou a este municipio para ser un referente non só en Galicia, senón en España e en todo o mundo”, valorou Gómez Prado, destacando o labor en materia de protección do medio rural, os traballos para a xestión de residuos ou a implicación social para a sustentabilidade así como a xestión turística.

Neste sentido, o rexedor, subliñou o “traballo constante” de Baiona nos últimos anos difíciles para o sector, que a través de “iniciativas vinculadas á sustentabilidade e a conservación ambiental” impulsou un modelo de localidade o que o turismo, a natureza e a economía foron da man grazas a unha “política transversal que incide en cada aspecto do día a día da Vila”.

“Durante os últimos tempos desde o departamento de turismo apostouse fortemente por iniciativas de turismo natural sostible e ecoturismo como os roteiros Baiona Natural, roteiros a pé polas distintas paraxes naturais da localidade que viñeron para quedar e complementar a oferta turística e cultural da Real Vila e situando a Baiona no mapa deste tipo de turismo tan en auxe nos últimos anos. Outro caso de éxito, foron os Safaris Etolóxicos de Garranos, unha actividade sostible para descubrir este animal salvaxe e prehistórico campando ás súas anchas no privilexiado lugar que é o noso Alto de Groba”, finaliza o mandatario.

Un turismo que, como apunta Gómez Prado, “ten o seu espazo propio na provincia desde hai anos, aínda que cobra especial relevancia nun ano en que os usuarios volven as súas miradas ao mundo rural e as paraxes naturais”.