Os 220 nenos dos campamentos de verán de Nigrán e do CEE Juan María visitan o circo ucraíno “Ihrashka”

O Concello de Nigrán agasallou ás 220 crianzas do campamento municipal de verán e o inclusivo do CEE Juan María cunha visita ao circo “Ihrashka” de Praia América-Lourido para asistir a unha exhibición ex profeso para eles. O espectáculo de La Fiesta Escénica e Circo Inimitable, formado por unha ducia de refuxiados ucraínos (dous deles medallistas olímpicos) confirmou así mesmo que continuará durante todo o mes de agosto en Praia América-Lourido con funcións diarias ás 20:30 horas (as entradas, cun prezo de entre 12 e 14 €, están á venda a través de http://www.giglon.com.). A gran carpa de 35 metros de diámetro e coas cores amarela e azul da bandeira de Ucraína preside unha gran leira fronte ao estacionamento do areal.

“O campamento municipal remata este venres e desde o Concello quixemos aproveitar esta oportunidade única de que os pequenos coñezan un circo de altísimo nivel técnico e artístico e pensado para toda a familia”, explica o alcalde, Juan González, quen tamén asistiu á exhibición na que os nenos fartaron de rir co pallaso e se asombraron cos diferentes números dos acróbatas. “Estamos encantados de que Nigrán sexa a sede elixida para este circo da solidariedade porque reúne por unha banda a máis alta calidade e, por outra, serve de apoio a todos estes artistas-refuxiados que por razóns obvias non poden regresar ao seu país e precisan seguir traballando dignamente”, destaca.

“En ningures do mundo levouse a cabo un proxecto destas características tras a guerra. Nós ofrecémoslles un traballo, non caridade, é unha cuestión de dignidade”, destaca pola súa banda Abel Martín, quen iniciou este proxecto entre os meses de abril e maio en vista da situación do conflito.

“Ihrashka” é unha palabra ucraína que significa “xoguetes”. O espectáculo de 1 hora e 20 minutos está centrado precisamente nisto, na vida cando se é neno: na imaxinación, a inxenuidade, querer voar… Un lugar onde reencontrarnos coa nosa propia infancia, cos recordos e o divertimento, coa alegría de descubrir que aínda nos podemos sorprender. “Trátase dun show de alta calidade técnica e artística, digno de ser visto”, resume Martín, quen destaca que absolutamente toda a ambientación está baseada en Ucraína.