Nace Vincios Verde Cultural

Despois dos incendios forestais de 2017 a Comunidade de Montes de Vincios decidiu dar un xiro á súa xestión e crear o proxecto Vincios Verde. Nesta iniciativa englóbanse accións culturais, educativas, deportivas, turísticas, económicas e produtivas. Este sábado, 30 de xullo, arranca Vincios Verde Cultural; unha serie de actividades culturais que terán lugar os sábados na Casa Reitoral e que serán totalmente gratuítas.

As actividades terán lugar na Casa Reitoral, adquirida no 2014 pola Comunidade de Montes de Vincios, e que acaba de ser rehabilitada para o uso da veciñanza; está situada moi preto da igrexa de Santa Mariña de Vincios e estas actividades servirán para dala a coñecer entre os veciños.

Cada sábado arrancará cun contacontos para os miúdos da casa que será seguido dunha charla de corte medioambiental. A xornada finalizará con música en directo ou cunha sesión de cine mudo musicado en directo por Caspervek. Trátase de, a través de actividades lúdicas, concienciar sobre a necesidade de coidar do medio ambiente.

PROGRAMA SÁBADO 30 DE XULLO

17:15 – Contacontos con Servando Barreiro “A música das árbores”
18:30 – Coloquio “Arte rupestre na serra do Galiñeiro” con Xosé Lois Vilar
20:45 – Cine ao aire libre con Caspervek “Nanuk o esquimó”