Gondomar organiza o seu primeiro festival de skate

O Concello de Gondomar organiza o próximo xoves 4 de agosto o seu primeiro festival dedicado ao skate. Tras o éxito acadado coa posta en marcha do skatepark municipal, durante este verán e dentro das actividades xuvenís programadas polo Concello se vén desenvolvendo un curso de esta disciplina, cun gran nivel de participación de mozas e mozos de todas as idades.

Este festival, baixo o nome de “Gondomarspot”, servirá para que os participantes poidan mostrar os coñecementos adquiridos neste curso.

Ademais tamén haberá unha exhibición de mozas e mozos skaters de Gondomar, que demostrarán que a vila é actualmente unha potencia neste deporte, con grandes promesas que nos próximos anos están chamados a alcanzar éxitos nesta espectacular disciplina deportiva.

A xornada comezará ás 20:30 horas coa exhibición dos participantes do curso e seguidamente haberá unha demostración por parte de mozas e mozos skaters de Gondomar. Todos os asistentes e participantes poderán optar ao sorteo duns magníficos agasallos cortesía da organización de “O Marisquiño”.

A xornada rematará coa proxección dun filme ao aire libre ás 22:30 horas para público familiar. O Alcalde Paco Fereira destacou que “Gondomar xa é un referente no deporte en xeral en Galicia, e queremos que tamén o sexa nos deportes urbanos”.