Baiona achega esta fin de semana os bolos celta a veciños e visitantes

Os operarios de Vías e Obras do Concello de Baiona están a preparar un campo de bolos celta no Parque da Palma para esta fin de semana. Mañá sábado 30 de xullo, a partir das 16:00 horas, e o domingo, a partir das 10:00 da mañá, disputarase a liga deste deporte tradicional nas categorías de infantil e alevín.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e o Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez, sinalan “a importancia deste deporte milenario no Val Miñor ao que mostramos todo o noso apoio. Ademais, cada día é máis practicado polos nosos veciños e veciñas. Por todo iso, desde o Concello de Baiona comprometémonos a seguir potenciando e poñer no lugar que se merece esta disciplina”.

Así mesmo, destacan que, “coa organización destas probas en Baiona en plena tempada alta achegamos e promocionamos este deporte, con forte arraigamento no Val Miñor, entre todos os visitantes da Vila”.