Repartidos preto de 850.000 quilos de alimentos durante o primeiros seis meses deste 2022

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu uns 850.000 quilos de comida (un total de 835.894 quilos) durante o primeiro semestre deste 2022, cubrindo as necesidades básicas dunhas 22.000 persoas vulnerables residentes na provincia de Pontevedra.

Aínda que o actual contexto de crise económica está a afectar negativamente ao número de doazóns coas que se sustentaba a ONG, todos os esforzos van encamiñados a reverter a devandita tendencia e seguir mellorando a denominada cesta básica de comida. “Somos conscientes da necesidade non só de repartir produtos básicos, senón que estes sexan saudables e que faciliten levar a cabo, na medida do posible, unha alimentación equilibrada”, apuntan.

Subvención do Concello de Vigo

Para lograr este obxectivo de máis achega nutricional nas súas entregas de alimentos e para poder seguir atendendo a todas as persoas sen recursos, contan co apoio de empresas e institucións como o Concello de Vigo que, o pasado mes de xuño, concedeulles unha subvención de 83.000 euros, coa que facer fronte a parte dos gastos xerados pola súa actividade nas instalacións de Lavadores.

Tamén en xuño, o Banco de Alimentos distribuíu os 278.000 quilos de comida procedentes do Fondo Europeo de Axuda Europea para os Máis Desfavorecidos (FEAD), xestionado e impulsado por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Foi a primeira fase do Plan 2022 que os 54 Bancos de Alimentos adheridos á Federación Española de Bancos de Alimentos de (FESBAL) están autorizados a repartir.

A fame non colle vacacións

Como vén sendo habitual e grazas a un equipo reducido de voluntarios, tanto o Banco de Alimentos en Vigo como en Pontevedra seguirán abertos en agosto para poder xestionar e repartir os produtos frescos doados diariamente por parte de distintos supermercados. Precisamente, para que ningunha entidade social quede desabastecida durante o próximo mes, o actual mes entregaron o dobre de comida.

Actividade en 2021

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atende persoas en situación de vulnerabilidade na provincia, ás que chega a través das máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballa.

Todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.