Gondomar fai un chamamento ao uso responsable da auga

O Concello de Gondomar vén de publicar un Bando no que fai un chamamento ao uso responsable da auga. Ante a falta de precipitacións no que vai de ano e ás altas temperaturas destes días, os niveis de auga potable dos mananciais, sexan traídas veciñais, fontes, minas, pozos particulares, e obviamente o sistema de abastecemento municipal, están a entrar nuns niveis moi baixos e preocupantes.

Co fin de garantir que toda a veciñanza teña asegurado o subministro de auga potable e ata que as condicións meteorolóxicas muden, o alcalde, Paco Ferreira, solicita que a veciñanza tome conciencia da necesidade de aforrar no consumo de auga e reducir os usos prescindibles ante a situación de prealerta hidrolóxica.

Tales circunstancias levarán á realización dun consumo racional, eficiente, axustado e solidario do uso da auga potable implantando sistemas de aforro de auga para restrinxir o seu uso a aquelas necesidades máis vitais.

En aras do interese público, e co fin de garantir o abastecemento de auga potable á poboación do municipio, non se poderán realizar con auga potable consumos destinados a encher piscinas, baldear rúas, hortos ou explotacións agrícolas, ou lavar vehículos con mangueiras, etc.