Francisco Álvarez Koki presenta o seu libro “Aldea Buxán” en Sabarís

O Multiusos Mercado de Sabarís acolle este venres 29 de xullo, ás 20:00 horas, a presentación do libro “Aldea Buxán” de Francisco Álvarez Koki. Trátase dun libro singular, escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco. O acto estará presentado por Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona.

Escribe Koki nunha lingua rica en léxico e matices, coloquial, verdadeira. Non é a súa unha lingua “de dicionarios” como diría Fernández del Riego, senón algo que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos nosos montes. A autenticidade, como neste caso, ha de ser a primeira condición instrumental de quen se propón facer arte coa palabra escrita.

Neste libro hai, se nos atemos a certos matices e definicións convencionais, contos, estampas, crónicas; en fin, narracións. García Márquez dixo nunha ocasión que nun tempo só sabía que quería contar algo, transmitir algo e non lle importaba se era literatura ou xornalismo, historia ou artigo.

Aquí, afortunadamente, temos de todo. Vemos que a transhumancia non lle impide a Koki o vencello coa lingua galega e con Galicia. Máis ben o reafirma, como reafirma a súa vocación literaria e que nos traslada, nun xeito moi persoal de contar, a mundos diversos cunha linguaxe de gran madurez e autenticidade.