Baiona contará cun punto lila “Caravana Morada” nas Festas da Anunciada

A Concelleira de Igualdade de Baiona, Yasmina Moreira Costas, informa que nas festas patronais da Anunciada, que se celebran a vindeira fin de semana, instalarase a “Caravana Morada” o venres, 5 de agosto, e o sábado, 6 de agosto, no Paseo Ribeira. Terá un horario de apertura dende as 20:00 ás 04:00 horas.

A caravana do punto lila estará atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, integrado por dúas profesionais expertas en violencia de xénero: unha psicóloga especializada en xénero e criminoloxía e unha asesora xurídica. Ambas asistirán e asesorarán ás mulleres que así o necesiten e informarán sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional. Así mesmo, ofrecerase un servizo de prevención, información e acompañamento á violencia de xénero.

O obxectivo do punto lila é por unha banda concienciar e visibilizar o compromiso social e rexeitamento comunitario das violencias, informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero, e por outra parte, ofrecer atención técnica, psicolóxica e de coordinación. O punto lila “Caravana Morada” está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.