Baiona clausura a Escola de Verán 2022

A Escola de Verán 2022 de Baiona chega ao seu fin con gran éxito de participación. Un total de 97 nenas e nenos participaron nesta iniciativa da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona a través do Centro Municipal de Información á Muller, que cumpre unha dobre función: promover a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral. A actividade é cofinanciada pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2022 (Liña 2).

Os nenos e nenas participantes puideron gozar coas numerosas e variadas actividades organizadas, que incluíron desde xogos ata obradoiros e manualidades. A programación da escola deseñou un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado para que os máis pequenos e pequenas desfrutasen do verán e coñeceran diferentes lugares da localidade na que residen. Programouse unha saída semanal, na que puideron coñecer de primeira man o renovado museo flotante da Carabela Pinta, a Casa da Navegación…. Neste calendario de saídas colaboraron diferentes entidades locais, como o Viveiro de Sabarís, que ofreceu un interesante percorrido polas súas instalacións.

A Escola de Verán do Concello de Baiona foi organizada pola Concellería de Igualdade, e ten como obxectivo xeral “dotar ás familias do municipio dun recurso para a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellora a calidade de vida do territorio, promovendo tamén a optimización dos recursos mediante a utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”, sinala a concelleira Yasmina Moreira Costas.

O programa desenvolveuse ao longo do mes de xullo, de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas no CPI de Cova Terreña e no CEP de Sabarís. Houbo flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:15 horas) e no horario de saída (de 13:45 a 15:00 horas) para facilitar a conciliación das familias.