Sin categoría

Marwave organiza unha xornada de limpeza e concienciación na praia da Madorra

A marca viguesa de roupa surfer Marwave, organiza unha xornada de limpeza e concienciación ambiental na praia da Madorra, en Nigrán. Esta acción é froito da colaboración da Asociación Vertidos 0, Apnea Vigo e o Club Marítimo de Panxón. A xornada terá lugar o vindeiro domingo 8 de setembro ás 10:00 da mañá, na praia da Madorra e os arredores do porto de Panxón.

Están convidadas a participar todas aquelas persoas interesadas en coñecer o impacto sobre as nosas costas daqueles residuos plásticos que refugamos de forma cotiá, así como todos os mergulladores e apneístas.

Comezarán cunha charla de benvida, para continuar coa acción da recollida, a cal terá unha duración aproximada dunha hora. E para finalizar, explicaranse os motivos polos cales os residuos recollidos chegaron aos nosos areais e como podemos evitalo.

O obxectivo desta xornada, é concienciar á poboación das accións que poden realizar diariamente, coa intención de reducir a problemática que temos na xestión de residuos mariños.

A través desta campaña Marwave busca reflectir na sociedade o seu compromiso co medio ambiente e a conservación da nosa contorna mariña. Esta nova marca, nada hai un ano, quere transmitir á súa contorna os valores que aprendera dentro da auga, a través dunha marca enraizada en Galicia. Actualmente, Marwave está formada por tres novos: Suso H., Antía B. e Diego O., motivados a construír unha marca que se caracteriza por apostar pola fabricación nos nosos arredores, Galicia e Portugal; polo deseño propio; por defender a igualdade no deporte e por buscar a sustentabilidade con accións como esta, ou a incorporación de algodón orgánico e plástico reciclado.