Ribera inicia unha nova etapa con Vivalto, terceiro grupo privado sanitario francés

O grupo sanitario Ribera, propietario do Hospital Povisa, inicia unha nova etapa de crecemento, diversificación e expansión en alianza con Vivalto Santé, terceiro grupo privado sanitario francés, unha organización coa que comparte obxectivos, valores e un ámbito xeográfico próximo. Pechouse o acordo da compra co ata o de agora principal accionista de Ribera, Centene Corporation e a operación formalizarase cando obteña as autorizacións regulatorias dos organismos administrativos competentes.

Centene Corporation anunciou este luns esta operación, como parte da revisión da súa estratexia para as súas divisións internacionais. En concreto, a aseguradora norteamericana indicou que esta transacción representa outro fito importante no seu plan de creación de valor e revisión continua da carteira, e que atoparon en Vivalto Santé a un socio europeo líder do sector sanitario para impulsar o crecemento no grupo sanitario Ribera para que poida continuar brindando atención de alta calidade aos pacientes en toda Europa.

“Os anos con Centene fixéronnos mellores e supoñen un valor que sumamos ao noso modelo”, asegura a conselleira delegada do grupo sanitario Ribera, Elisa Tarazona.

“Comezamos unha nova etapa que supón un paso natural coherente coa nosa estratexia de crecemento, coas circunstancias e tamén cos valores que nos definen, e que compartimos con Vivalto, de proximidade, compromiso coa saúde das persoas, alianza cos profesionais, coñecemento e internacionalización”, engade Tarazona.

Sobre grupo Ribera

Ribera é un grupo empresarial provedor de servizos sanitarios públicos e privados, que desde 1997 traballa pola saúde e o benestar da poboación. En España está presente en 5 comunidades autónomas, xestiona 9 hospitais, 2 deles universitarios e 71 centros de saúde e policlínicas, ademais doutros proxectos en Europa e Latinoamérica. Durante máis de 20 anos desenvolveu un modelo de colaboración público privada que se estuda como caso de éxito en importantes universidades como Berkeley e Harvard Business School. O grupo conta ademais cunha Escola Universitaria de Enfermería e Centro de Estudos de Formación Profesional sanitaria, unha división tecnolóxica Futurs, unha división de Laboratorio Ribera Lab, e unha central de compras Ribera b2b, entre outros proxectos. O seu modelo de saúde responsable baseado nas “5Ps”: medicina personalizada, preditiva, preventiva, poboacional e participativa, responde o seu compromiso coa sociedade para seguir achegando valor e solucións innovadoras que permitan facer fronte aos retos sanitarios globais, acorde aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.