Nigrán mantén aberto o prazo de inscrición no “Flota como Poidas”

O Concello de Nigrán mantén aberto ata o 12 de agosto ás 12:00 horas o prazo de inscrición para participar na xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada “Flota como Poidas”, que terá lugar o domingo 14 de agosto ás 17:30 horas desde a ponte de Ramallosa, no Río Miñor. Os interesados deben anotarse a través do formulario web do Concello en http://www.nigran.es.

A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 16:00 a 17:00 horas. Entre todos os participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma e agasallo sorpresa. O evento, cancelado os dous anos pasados por mor da Covid-19, coincidirá coa celebración da feira de comerciantes “Portobello” organizada coa asociación de empresarios Ovalmi.

É obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante. O Concello premiará o artefacto flotante máis “currado” e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.