Nigrán inviste 2.800 € nunha escopeta marcadora con veleno para eliminar niños de velutinas

O Concello de Nigrán suma desde a semana pasada un novo método para erradicar niños de vespa velutina na localidade: unha escopeta marcadora que dispara bólas biodegradables de veleno. Con este fin investiu un total de 2.860 € neste artefacto idéntico ao empregado no popular xogo de paintball e capaz de disparar a niños de ata 50 metros de altura. A compra incluíu 1.000 “balas” especiais (bólas biodegradables recheas de veleno que se desfán no interior do niño). Este método estreado xa con éxito en 4 casos en Camos polo edil de Sanidade, Alfonso Vázquez, permite chegar sen dificultade a distancias onde a pértega telescópica de 25 metros adquirida no 2017 polo Concello non pode.

“Resulta un sistema rápido e eficaz para combater niños a partir de 10 metros de altura tendo en conta ademais a complexidade que conleva o uso da pértega que, ademais, non chega a alturas tan elevadas”, explica Alfonso, concelleiro e apicultor afeccionado. “A tenacidade e voluntariedade de Alfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avespa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños pese a tratarse dunha competencia autonómica e non municipal”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Paralelamente á eliminación, o Concello continúa a repartir gratuitamente trampas de velutinas a todo aquel veciño que o solicite, sendo recomendable poñelas entre os meses de marzo a xuño, cando finaliza a hibernación. Con este fin adquiriu neste ano 400, sumando 2.000 entregadas desde 2017.

As trampas consisten en sinxelos aparellos aos que se lle incorpora un líquido atraínte a base de feromonas cada quince días, momento no que se retiran todos os insectos capturados. O Concello facilita tamén a receita caseira de atraínte: 1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa, 1 kg de azucre e un chorro de vinagre, todo conservado nun bote hermético.

“Desde Marzo e ata Xuño é cando resulta verdadeiramente efectivo poñer trampas nas árbores froiteiras ou zonas de flores porque é cando saen as raíñas da hibernación e a comer, en pleno verán xa non ten sentido porque están os niños construídos”, explica Alfonso Vázquez, quen chegou a contabilizar nunha soa tarde 50 asiáticas capturadas nun aparello e durante toda a primavera 2.000 reinas nunha ducia delas. “Cada reina é un futuro niño, polo que as trampas evitan milleiros e milleiros”. Así, segundo os expertos, asegurar a eliminación da raíña é o método máis eficaz para o seu control, xa que evita a produción de novas raíñas e a formación de colmeas, que poden albergar ata 2.000 exemplares e 6.000 larvas.