Gondomar acolle o festival de danza Abanea

Gondomar acolle dende o xoves 28 e ata o domingo 30 de xullo o festival de danza Abanea. Esta mañá o Alcalde Paco Ferreira, xunto con membros da organización, detallaron toda a programación deste prestixioso festival que se celebra na Vila Condal por segundo ano. O rexedor destacou que “o Concello de Gondomar ten unha aposta decidida pola cultura en xeral e particularmente pola danza, co apoio constante ás catro escolas de danza existentes no noso municipio, e coa programación dun festival de tanto prestixio a nivel nacional e internacional como é Abanea”.

IS·MO Cultura dá a coñecer o novo proxecto e a súa programación, que se desenvolverá en Gondomar (Pontevedra) os días 28, 29 e 30 de xullo, e Allariz (Ourense) o 31 de xullo. Abanea é un festival asociado á rede estatal Acielobierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais e patrocinado pola Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Concello de Gondomar. Colaboran nesta edición A Casa Vella e o Concello de Allariz. A programación ten dúas liñas diferenciadas: formación e exhibición atravesadas pola intención de conectarse co sector profesional e coa cidadanía.

O programa de formación dispón tres obradoiros impartidos por Ángel Durán, Raquel Ferradás e Clara Ferrao e Javier Mosquera de la Vega. O programa de exhibición fórmase coa presentación dos espectáculos de Lasala (País Vasco), Fran Sieira (Galicia), Ángel Durán (Catalunya), La Macana (Galicia), La Galga (Madrid), Eyas Dance Project (Madrid), Marta Alonso Tejada + Dj Afro Brix (Galicia), Carla Segovia e Guillermo Aguilar (México), Colectivo Glovo (Galicia), Colectivo La Incendiaria (Catalunya – Galicia).

Ademais da exhibición de espectáculos farase a proxección de pezas de vídeo danza de creadoras de Galicia e Buzón de Baile – Radio3 – RTVE. Abanea quere afondar no formato de vídeo danza, protagonista do obradoiro impartido por Clara Ferrao e Javier Mosquera de la Vega. Por outra banda iníciase un apoio bianual a unha compañía emerxente, nesta ocasión Colectivo La Incendiaria. Este apoio iníciase cunha presentación a profesionais da danza de Galicia na Casa Vella do seu proceso de creación e será estreado na edición 2023 do festival, mentres se lle dá un soporte de xestión continuado ao longo de todo o proceso de creación.

A programación ao detalle:

28 de xullo 2022 – Gondomar

·LASALA · País Vasco · Acieloabierto
Alive
Hora: 21:00 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Coreografía: Judith Argomaniz
Intérpretes: Garazi Etxaburu, Paula Montoya
Duración: 17 minutos

ALIVE fala de traspasar os límites, de romper co establecido, da liberdade de elección dunha muller aínda co peso do herdado e o aprendido, de vivir a vida que cada unha escolla, a que desexe, sexa cal sexa.

·FRAN SIEIRA COMPAÑÍA DE DANZA · Galicia · Acieloabierto
DeMente
Hora: 21:30 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Coreografía: Fran Sieira, Carla Diego
Intérpretes: Francisco Sieira González, Adela Otero Vázquez, Artur Pastoriza Puga, Martín Mondragón Rivadulla, Patricia Sánchez Seoane, André Adrio Rodríguez, Daniel Rodríguez Fernández
Duración: 27 minutos

Unha peza de danza contemporánea onde utilizan como principal mecanismo de expresión a danza tradicional galega. En “DeMente” falarán dunha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a OMS sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas. Poñerán en escena a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, desde os amontonamentos practicamente carcerarios ata a externalización dos nosos días. A necesaria integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, a loita contra o estigma, estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena.

·PROXECCIÓN DE VIDEO DANZAS · Galicia
Hora: 23:00 horas
Lugar: Parque Ponte de Rosas – Gondomar
Duración: 30 minutos

Unha escolma de videodanzas realizadas por profesionais do movemento de Galicia en colaboración coas súas videocreadoras e Buzón de Baile de Radio3 RTVE.

29 de xullo 2022 – Gondomar

·ÁNGEL DURÁN PERFORMING ARTS · Catalunya · Acieloabierto
The beauty of it
Hora: 21:00 horas
Lugar: Rúa Portugal (fronte á Casa da Cultura) – Gondomar
Coreografía e intérprete: Ángel Durán
Duración: 20 minutos

The Beauty of It baséase nas teorías de Carl Jung sobre a dualidade entre a mente consciente e o inconsciente. Esta dicotomía nunha soa persoa non nos permite diferenciar entre a realidade real e o que é o soño. Nesta proposta escénica exponse a fraxilidade do home, así como unha reflexión sobre a autenticidade das accións ou personaxes creados por el mesmo. Cal é a verdadeira máscara? É real todo o que experimentamos? Que diferencia hai entre actuar e comportarse tal como es? The Beauty of It utiliza as gravacións da entrevista ao Dr. Carl Jung no 1957 como narrador externo para mergullarnos nun estado reflexivo onde o intérprete é obxecto de estudo, pero tamén é un espello de nós mesmos. Barridos polas diferentes calidades de movemento e expresións mergullámonos no inconsciente humano.

·LA MACANA · Galicia
Pink Unicorns
Hora: 21:30 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Dirección artística: Caterina Varela, Samir Akika & Alexis Fernández
Intérpretes: Alexis Fernández & Paulo Fernández
Deseño de espazo: Tilo Schreieck
Deseño de iluminación: Afonso Castro
Dirección de produción: Caterina Varela
Unha produción de La Macana, en coprodución con AGADIC, Theater im Pumpenhaus e Theater Bremen
Duración: 70 minutos

La Macana sube ao escenario a Alexis Fernández e o seu fillo adolescente nunha peza que trata da relación non sempre sinxela entre xeracións. O impulso de pai e fillo de compartir o escenario sostén un espello ante a audiencia: pais, nais, fillos, fillas. Pink Unicorns é un teatro-danza salvaxe no que dous corpos se encontran. O primeiro, Alexis Fernández, un galego de orixe cubano que na súa ampla experiencia como bailarín nunca tivo que enfrontarse a un maior desafío que bailar cun compañeiro máis próximo. Por outro lado, Paulo Fernández, un espléndido, atlético e creativo rapaz de quince anos, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva millennial co seu querido pai.

30 de xullo 2022 – Gondomar

·LA GALGA · Madrid
Ludo
Hora: 21:00 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Creación: Pau Cólera, Raquel Ferradás, Lydia Martínez e Juan Carlos Toledo.
Intérpretes: Raquel Ferradás e Lydia Martínez
Música orixinal: Da Rocha
Duración: 16 minutos

Dúas mulleres que se atopan, Coñécense? Incítanse, arrástranse, atrápanse, xúntanse e se separan, ámanse, necesítanse, utilízanse, entréganse ao desexo da outra, báilanse. Son un bucle entre si, un pulso, un xogo continuo que vai desde a inocencia ata o límite dos seus corpos.

·EYAS DANCE PROJECT · Madrid · Acieloabierto
Júpiter + Jaguar
Hora: 21:15 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Coreografía: Carlos González & Seth Buckley
Intérpretes: Paula Montoya Lozano & Seth Buckley
Duración: 16 minutos

Júpiter + Jaguar é unha sinerxia de ferocidade, sensualidade e xogo. Unha viaxe de liberdade e expansión.

·MARTA ALONSO TEJADA · Galicia
Dancin’ Queen + DJ AFRO BRIX
Hora: 23:00 horas
Lugar: Praza da Paradela – Gondomar
Interpretación: Marta Alonso Tejada e Afro Brix
Dirección: Pablo Reboleiro Rama e Marta Alonso Tejada
Apoio Coreografía e movemento: David Loira e Paula Quintas
Creación: Pablo Reboleiro, Marta Alonso Tejada, María Mariño, Brix
Espazo Sonoro e música: Afro Brix e Manute
Duración: 20 minutos + 45 minutos DJ

DANCIN’QUEEN é unha pasaxe por hits que me dan ganas de bailar. É a ilusión de estar nunha discoteca en clave de danza e humor. Son ganas de bailar e de contaxiar danza. É unha oportunidade para deixar aflorar a Dancin´Queen que levamos dentro, esa que aparece cando sona a música e nos vimos arriba e que nos pilla tanto en zapatillas de andar por casa ou levando purpurina. É espertar. É xogar. É gozar. O espectáculo finaliza cunha sesión de DJ Afro Brix.