Yess, Deep Blue, Alboroto e Bouvento, líderes do Trofeo Conde de Gondomar

Os barcos do Monte Real Club de Yates e o Real Club Náutico de Vigo están a ser protagonistas da 47º edición do Trofeo Conde de Gondomar, que se disputa estes días nas rías galegas baixo a organización do club baionés e co patrocinio de Zelnova Zeltia e Banco Sabadell.

Tras a celebración das dúas primeiras xornadas de probas, tres veleiros de Baiona e un de Vigo colocáronse na cabeza da clasificación das diferentes clases da competición, na que están en xogo tres trofeos: o Trofeo Carrumeiro Chico, o Trofeo Erizana e o Trofeo Conde de Gondomar.

O Trofeo Carrumeiro Chico, que finalizou este sábado tras máis de 20 horas de navegación de ida e volta entre Baiona e a mítica rocha de Corcubión, pechouse con vitoria final do Yess do portugués Rui Ramada. O barco do Monte Real foi o máis rápido en completar a proba e a ampla vantaxe que sacou ao resto de barcos, permitiulle facerse tamén co triunfo xeral unha vez compensados os tempos.

O Yess gañou todo o que se podía gañar na clase Open, na que competía, e a novidade introducida este ano no Conde de Gondomar. Desde a organización decidiron incluír esta categoría para animar á frota galega a participar na gran regata de altura de Galicia, e isto favoreceu o regreso á competición de barcos máis pequenos como o Unus, de Luis García Trigo, que levaba anos sen poder participar.

Romperon o spinnaker e custoulles moito finalizar a proba pola escaseza de vento na zona de chegada, pero asinaron unha brillante actuación que lles permitiu alzarse ata o terceiro posto da clasificación dos Open, por detrás do Txole, que quedou segundo. Un dos seus tripulantes, Carlos Quintás, mostraba a súa satisfacción por poder volver a “unha das probas máis duras pero tamén das máis bonitas das que se celebran en Galicia”, asegurou.

Na clase ORC do Carrumeiro os caixóns do podio foron para os tres barcos que máis emoción déronlle á regata, navegando moi pegados e sen darse tregua uns aos outros: o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal, o Solventis de Alberto Moro, e o Magical de Julio Rodríguez.

O segundo dos trofeos en xogo, o Trofeo Erizana, saíu a escena este sábado cunha regata costeira na que participaron os barcos que non subiron o venres ao Carrumeiro. Saíron ás once desde a baía de Baiona e navegaron ata Subrido pasando por Carallones, La Negra e Bondaña, para acabar fronte ás Cíes. Foi unha regata fácil e rápida, que o Salseiro de Manuel Blanco (RCN A Coruña) completou en pouco máis de tres horas.

Tras compensar os tempos, a vitoria de etapa na clase ORC foi para o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo), que superou a La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño) e ao Nahela de Víctor Álvarez (CD Alagua), segundo e terceiro respectivamente.

Na clase J80, o mellor equipo foi o do Alboroto, liderado por Juan Carlos Ameneiro, ao que acompañaron os seus tripulantes habituais: o que fose campión de España da clase, Javier Aguado; Juan Lago e Javier Lago.

Unha vez en terra, Ameneiro fixo un bo balance dunha regata na que participan co obxectivo de gañar “e tamén para prepararnos de fronte ao Trofeo Príncipe de Asturias e o Campionato de España que se celebrarán en setembro en Baiona e, sobre todo, para a gran cita que será o mundial da clase, que se disputará en 2023 tamén en Baiona”.

Na segunda posición dos J80 quedou outro barco do MRCYB, o Cansino de Alejandra Suárez; e o terceiro posto foi para o RCN de Portosín, da man do Due de Rafael Blanco.

Na competición dos Fígaros, que do mesmo xeito que os J80 competiron en tempo real, o podio provisional quedou configurado polo Bouvento de Diego Pérez e David Fontán, en primeira posición; o Erizana de Gemma González, segundo; e o Tutatis de Elena Raga no terceiro posto.

Coa celebración, o venres, do reto do Carrumeiro e a disputa, este sábado, da costeira para o resto de barcos que aínda non se estrearon na competición, toda a frota inaugurou xa marcadores e o Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Banco Sabadell cruza o seu ecuador. Por diante quedan xa só dúas xornadas e tres probas: a volta a Ons, este domingo a partir das once; e dous bastóns o luns a partir do mediodía. A previsión meteorolóxica é boa para ambos os dous días e todo apunta a que se poderá completar, sen problemas, o programa previsto.

O 47º Trofeo Conde de Gondomar está patrocinado por Zelnova Zeltia e Banco Sabadell; e conta coa colaboración especial da Deputación de Pontevedra. Na competición tamén colaboran a Xunta de Galicia, o Concello de Baiona, o concesionario Volvo Autesa de Vigo, a xenebra premium Martin Miller, a adega Terras Gauda e a marca de roupa náutica Musto.