O Sector de Tráfico da Garda Civil interpón 100 denuncias ao día en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, advertiu hoxe sobre as 100 denuncias ao día que interpón o Sector de Tráfico da Garda Civil na Comunidade. En total, foron 2290 denuncias administrativas nos 23 días que van do 16 de marzo ata o 7 de abril.

A media empezou en 57 denuncias diarias durante a primeira semana, pero creceu de maneira paulatina. Desde o pasado 29 de marzo a media está ao redor das 120 denuncias administrativas ao día. Javier Losada mostrou a súa preocupación por estes datos e fixo un chamamento para cumprir coas normas para evitar a propagación do COVID-19.

Con todo, celebrou a melloría dos datos das fins de semana. Os días 21 e 22 de marzo foron interpostas un 51% das denuncias desa semana, mentres que a fin de semana do 28 e 29 baixou ata un 34% e os días 4 e 5 de abril, a redución chegou ao 30%. Isto demostra que o cumprimento é maior durante estes días, que coinciden cun aumento dos controis.

O día con máis denuncias foi o 22 de marzo, con 203. Despois baixaron durante varias xornadas, aínda que desde o día 28 todas as xornadas superaron as 100 denuncias excepto o día 31, con 87.

Ante este aumento e con motivo da chegada dos festivos de Semana Santa, reforzaranse os controis nas estradas galegas. Javier Losada lembra que durante estas xornadas seguen as restricións e non está permitido desprazarse a segundas residencias nin áreas vacacionais.

O delegado do Goberno insiste en que quedarse na casa é a única maneira de frear o virus e de protexer a quen se está xogando a vida: o persoal sanitario, as forzas de seguridade e as persoas que traballan en servizos esenciais como alimentación ou transporte.

PROVINCIAS

Por provincias, o maior número de denuncias está en Lugo (655), pola dispersión poboacional que fai que sexa unha das principais zonas de traballo do Sector de Tráfico da Garda Civil, con máis actividade lonxe das cidades. Séguena A Coruña (618), Pontevedra (519) e Ourense (498).

Anuncios